Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Entomoloxía

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil024.html




Entomoloxía


     Algunhas das moitas especies de formigas que hai no Brasil amosan unha insólita capacidade de adaptación aos tempos modernos. Coa chegada do inverno introdúcense nos aparellos informáticos na procura dun abrigo quente, seguras, ademais, de aproveitar os restos de comida e bebida deixados preto do computador, da impresora ou do teclado. Para evitar os posibles danos o remedio aconsellado contra elas é o cravo da India. O seu cheiro logra afastalas.
     Téñeno máis complicado en Norteamérica con estes insectos. Unha praga de feroces formigas está a estragar os cultivos dos estados da rexión sueste e ameaza con invadir en menos de dez anos as ricas terras de California, espallándose por elas coa súa característica voracidade. Trátase dunha especie de formigas orixinaria do Brasil, das que aquí chaman "lava-pé", que terían chegado, ao parecer, hai uns sesenta anos como polisóns nos cargamentos de madeira desembarcados nos portos de Alabama e Florida. O curioso é que a densidade de poboación nos Estados Unidos xa é cinco veces maior que en Brasil ou Arxentina, pero os técnicos vénse incapaces de controlar o seu crecemento con productos químicos, que provocan, ademais, a morte doutros animais.
     Desbotados, pois, os insecticidas, vaise recorrer agora a outra táctica orixinal para erradicar esta praga: a do estricto control biolóxico. Por iso, a pasada semana o Departamento norteamericano de Agricultura soltou nas áreas tomadas polas formigas millares de moscas phorid, recollidas no Mato Grosso e nos arredores de Río, coa esperanza de que se confirmen na natureza as experiencias levadas a cabo no laboratorio e se repitan alí as condicións naturais que existen en América do Sur. As moscas importadas legalmente do Brasil son os inimigos naturais deste tipo de formigas, alomenos no medio tropical do que proceden.
     As phorid son de pequeno tamaño, pero letais. Pousan sobre as formigas e depositan os ovos nos seus corpos. En dúas semanas as xa larvas achéganse á cabeza das formigas e córtana, aproveitando despois o resto do bicho como abrigo onde poder transformarse definitivamente en moscas.
     Foi o profesor norteamericano Sanford Porter, cando vivía no Brasil e facía pesquisas sobre entomoloxía, quen descubriu estas "cortadoras de cabezas". Asegura que as moscas importadas non traerán novos problemas e que se interesarán unicamente polas formigas. Pero ¿quen o pode garantir?

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega