Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O Río da lingua

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil025.html




O Río da lingua


     Nun recente libro o novelista e académico Josué Montello conseguiu organizar con textos de Machado de Assis as "memorias póstumas" do que foi o fundador e primeiro presidente da Academia Brasileira de Letras que acaba de cumprir cen anos de existencia. Nacido nun barrio de Río en 1839, Machado de Assis era fillo único dun pintor mulato e dunha lavandeira portuguesa dos que quedou orfo ben cedo. Desa humilde orixe xurdiu un dos grandes escritores en lingua portuguesa, autor dunha importante producción literaria, composta por varias novelas, contos, poemas, críticas e algunhas pezas de teatro.
     Cen anos despois da súa fundación preside a Academia a escritora Nélida Piñón, quen, nun xesto moi significativo, quixo convidar á solemne e algo pomposa cerimonia do centenario celebrada o pasado domingo, ademais dos dirixentes políticos dos países lusófonos, ao presidente da Xunta de Galicia.
     Nelida Piñón naceu en 1937 aquí en Río, nunha familia de emigrantes galegos que botaron raíces no solo brasileiro. Cando tiña dez anos, seu pai Lino Piñón Muíños, decidiu levar a aínda nena á terra dos seus devanceiros. O impacto foi enorme e a experiencia moi fecunda. A pequena parroquia de San Martiño de Borela en Cotabade, onde acabou vivindo dous anos, asistiu ao nacemento dunha futura escritora, pois alí, segundo ela, "consolidouse o instinto narrativo que traía conmigo do Brasil". Nesa vocación literaria desempeñou un papel fundamental o seu avó materno, Daniel Cuiñas Cuiñas, un vello contador de historias, dos que abondaban e abondan en Galicia, que chegou a Brasil no comezo deste século. «El é a miña narrativa», ten afirmado a neta.
     Nesa travesía que emprendeu Nélida Piñón, veu dicir ela mesma o ano pasado en Santiago, remontou o río da lingua, encontrando as fontes que desembocan despois no portugués, e mergullouse nesas augas das que "recolle forza e orixe".
     Serviuse despois da memoria que lle ofreceu Galicia para as súas obras, en especial Tebas do meu coração, o conto Finisterre e sobre todo A República dos sonhos, unha novela da emigración galega. Nela aparece Galicia transfigurada —e desfigurada— sempre no texto literario como unha terra "poboada de lendas e seres inquedos, sempre preparados para partir en busca de territorios novos, movidos eses habitantes polo instinto de volta, alimentados polo fervor da saudade". A causa desta capacidade fabuladora que atribúe aos galegos sería a de sermos "oriúndos dos celtas, os indomables desbravadores do imaxinario." ¡Que teima!

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega