Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Os tambores de Minas

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil026.html




Os tambores de Minas


     Son vinte anos de Travessia, a fermosa composición coa que participou no II Festival Internacional da Canción de Río. A recente reedición do seu primeiro elepé, que abre con ela, coincide co lanzamento do último disco: Nascimento. Hai uns días presentouno con grande éxito en São Paulo.
     Malia as doenzas —anorexia, diabete e depresión— que o deixaron coma un fío, coa súa presencia Milton Nascimento fixo calar as voces daqueles que hai uns meses pouco menos que decretaran a súa morte pola sida, e provocou no público grandes emocións e aplausos. Aquilo foi como a aparición dun resucitado, anunciada polo resoar dos tambores de Três Pontas, a pequena localidade do estado de Minas Gerais para onde foi levado desde Río polos seus pais adoptivos cando só tiña tres meses de idade.
     Unha estética teatral, moi barroca, presidiu o espectáculo estreado, comezando pola reproducción no escenario dun antigo oratorio mineiro. O propio Milton, ademais, e os nove cantantes/actores que o acompañaban coas súas voces, recrearon de maneira consciente na súa indumentaria as figuras de profetas do famoso escultor barroco de Brasil Antonio Francisco Lisboa, o Alejaidinho: un artista que para continuar exercendo o seu oficio, conta a lenda, debeu superar tamén terribles dificultades e sufrimentos provocados polas graves enfermidades que padecía.
     Todo foi unha celebración, unha homenaxe á terra onde se criou, a rexión montañosa de Minas onde floreceu no século XVIII unha fermosa arte colonial, gracias á riqueza que supuxo o descubrimento de ouro e diamantes. Unha terra onde se mesturaron as tradicións europeas e africanas, que trouxo unha inmigración masiva de portugueses e escravos negros. O espectáculo de Milton busca a inspiración nesas manifestacións relixiosas do rico folclore mineiro, sobre todo das procesións de Corpus Christi, das «folias de Reis» e das celebracións de
Semana Santa. Unha volta a Minas dun Milton renacido. Iso é o que anuncian os tambores:

«Batucando por fe e destino
Bate roupa no riacho a lavadeira
ritmando de qualquer maneira
e por fim o tambor da musculatura
o tum-tum ancestral do coração
quando chegue a febre ninguém segura
bate forte até sangrar a mão
os tambores de Minas soarão
seus tambores nunca se calaram».

     O outro día, en São Paulo, aquilo foi como a aparición dun resucitado, co fondo dos tambores de Minas, que soan como os tambores de Calanda —os de Buñuel— rompendo na madrugada da Semana Santa aragonesa.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega