Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O baile perfumado

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil027.html




O baile perfumado


     Venres, 1 de agosto. Noite de estrea no Cine Gávea da longametraxe de Paulo Caldas e Lirio Ferreira, O baile perfumado, merecedora o ano pasado do primeiro premio no Festival de Brasilia. Foi recibida pola crítica con esperanza, como sinal da feliz recuperación, despois de tantos anos, do cinema brasileiro, sendo quizais o mellor producto dos últimos tempos.
     Nas escenas iniciais da pelicula vese, nun sobrevoo, o seu leito entre enormes paredes e o lago —unhas illas no medio— da central hidroeléctrica de Xingó que contén desde hai case cincuenta anos as augas do río San Francisco, fronteira entre os secos estados nordestinos de Sergipe, Alagoas, Bahía e Pernambuco, onde se desenvolve a historia. A natureza, sempre caprichosa, forma alí a silueta dunha guitarra. Acompañan as imaxes a orixinal e inconfundible música de Chico Science —morto en febreiro nun accidente de coche— e a súa banda Nação Zumbi.
     O filme mergúllase na tradición brasileira do cangaço (o idealizado bandoleirismo do nordeste), un xénero moi cultivado no país, sobre todo desde o éxito obtido por Glauber Rocha no Festival de Cannes de 1953 pola súa película O cangaceiro. Dáselle agora ao tema un novo tratamento, moi orixinal e desmitificador, cualificado polos directores, tamén nordestinos, como un árido movie.
     Cóntase nel a historia ben curiosa do famoso bandido Lampião, alcume de Virgulino Ferreira da Silva, un pernambucano que en 1917 entrou no cangaço e axiña formou a súa banda, exercendo durante moitos anos a súa particular xustiza contra os caciques e distribuíndo cartos entre os pobres. Pero o verdadeiro protagonista é outro: Benjamín Abrahão, un comerciante libanés que cruzara o Atlántico no comezo de século e traballaba de asesor do padre Cícero, outro dos mitos do nordeste. En 1936 conseguiu Abrahão levar adiante o seu soño de gañar diñeiro filmando en 35 milímetros ao perseguido Lampião e a súa banda.
     Os directores servironse deste documento en branco en negro para engastalo coma unha xoia na súa película sobre o bandoleiro. Prescinden de tiros e emboscadas e ofrecemos un Lampião vaidoso e moi fino, rendido xa por completo aos encantos da modernidade burguesa: coche, cafeteira, whisky escocés, máquina fotográfica —déixase retratar como Rodolfo Valentino en Sangue e Area— e moito perfume francés para os bailes que organizaba cos seus, xa admitidas as mulleres, tamén a súa María Bonita, no grupo.
     Aínda que a intención do libanés era puramente comercial, non deixa de ser todo un pioneiro polas circunstancias, coa súa cámara na man, técnica que idealizaría máis tarde Glauber Rocha. E non deixa de ser tamén unha homenaxe a todos eles este cine que fala da aventura de facer cine.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega