Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Tizziana

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil028.html




Tizziana


     Hai uns días o presidente Fernando Henrique Cardoso condecorou coa prestixiosa Ordem Nacional do Cruzeiro do Sul ao escritor mexicano Carlos Fuentes, que veu a Brasil para participar nas conmemoracións do centenario da Asociação Brasileira da Imprensa e presentar a súa última obra traducida, A laranjeira, na VIII Bienal Internacional do libro do Río que abre mañá as súas portas. "Dalgunha maneira", afirmou no seu discurso o presidente, "apropiámonos hoxe do grande escritor e intelectual, que pasa a formar parte da comunidade brasileira..."
     Pura retórica política. Se hai alguén que poida facer ou dicir iso son os traductores ao portugués das obras do escritor mexicano. Como María Aparescida da Silva, unha especialista na obra de Fuentes. Ou Tizziana, así, con dous cetas (e póñoos, como puxo Cunqueiro os dous "tes" á marabillosa Vittoria de Xente de aquí e de acolá). Tizziana Giorgini: toda a escola veneciana de pintura —cor e paisaxe— no seu nome e nos seus ollos, aínda que procede dunha familia toscana, de Florencia o pai, de Lucca a nai, que nos anos cincuenta emigrou a Brasil, primeiro el, despois ela, e instalouse no Río, onde naceu a súa filla.
     Licenciada en Filoloxía francesa pola Universidade Federal, Tizziana exercía como profesora de ensino secundario, ademais de ser traductora, a súa verdadeira paixón. Algo moi variado que podía incluír un libro de mecánica do automóbil, unha enciclopedia da vida sexual ou unha colección famosa de "cómic" (quadrinhos chámanlle aquí). Brillaba especialmente nas traduccións literarias, como as que fixo, entre outras, de libros dos italianos Alberto Moravia e Leonardo Sciascia, ou da francesa Margarite Duras. O seu último libro, no ano 1988, foi precisamente a esmerada e exquisita traducción de Gringo Viejo de Carlos Fuentes para a Editora Rocco.
     Veu despois a difícil e drástica decisión de fuxir da permanente violencia e inseguridade que afogaban a vida na cidade, marchar á vella Europa coa súa familia e partir de cero. Nunca regresou a Río, pero estes días están aquí os seus dous fillos, visitando aos parentes cariocas. A avoa, feliz, avisou a todos os veciños da rúa André Cavalcânti, a mesma de sempre, a que sobe enfesta e melancólica ao Morro de Santa Tereza, para presentárllelos.
     Cambiou Tizziana Brasil por unha aldea do Ribeiro, a da súa familia política, e despois por Ourense e A Coruña. Anda agora por alá. Seica deixou o seu traballo nunha academia e contratouna unha empresa con importantes negocios cos países do Mercosur. Vaille ben, pero eu aínda imaxino que ela non abandona o seu soño. A Editora Rocco coa que colaborou hai nove anos, aínda non ten traducida La frontera de cristal de Carlos Fuentes. ¿Para cando, amiga?

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega