Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Juiz de Fora

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil029.html




Juiz de Fora


     Madalena, flores de plástico, coração de fogo é o título da curtametraxe que levou o premio ao mellor vídeo experimental da última edición do Rio Cine Festival, celebrada a semana pasada. O director Rogerio Terra Júnior, un rapaz de Juiz de Fora (Minas Gerais) fai nela un vertixinoso retrato, a penas tres minutos de mesturadas imaxes en super-8 e VHS, da alma da súa cidade natal, sempre pioneira e dinámica.
     Situada a 680 metros de altitude e con máis de 400.000 habitantes, Juiz de Fora ocupa unha posición estratéxica no territorio. De feito, tivo as súas orixes no século XVIII cando máis de cen traballadores, entre escravos negros e indios e asalariados, abriron o chamado Camiño Novo para a ocupación das Minas Gerais. O val do río Paraibuna, que marcou a súa forma urbana lineal, era pasaxe obrigada nese percorrido entre o ouro e o mar.
     No século XIX, cando é elevada á categoría de cidade, foi o café quen levou a riqueza e un rápido desenvolvemento. Traídos por Mariano Procopio, o presidente da compañía Unión & Industria, máis de dous mil inmigrantes alemáns (mecánicos, carpinteiros, constructores e especialistas en pontes de ferro) construíron en 1861 os 144 km que separaban Juíz de Fora de Petrópolis. Foi a primeira estrada pavimentada de Brasil. Cincuenta anos antes outro alemán, o enxeñeiro Heinrich Ferdinand Halfeld, déralle un novo pulo á colonización da rexión.
     Foi tamén pioneira Juiz de Fora na introducción da enerxía eléctrica, e aínda conserva no río Paraibuna a primera central hidroeléctrica, hoxe transformada en museo, de toda América do Sur. Estas e outras novidades converteron a cidade desde a fin do Imperio nun importante centro industrial, téxtil sobre todo, o que lle valeu o nome de "Manchester mineira".
     Malia as dificultades e o longo proceso de decadencia iniciado nos anos 30, Juiz de Fora nunca abandonou as súas aspiracións industrializadoras. O optimismo actual baséase na instalación dunha montadora de coches da Mercedes-Benz, a primera fábrica deste tipo fóra de Alemaña. Na decisión deste fabuloso investimento tiveron moito que ver as presións políticas dun dos fillos da cidade, o ex-alcalde e anterior presidente da República, Itamar Franco, quen ofreceu importantes incentivos fiscais.
     En xaneiro comezaron as obras que levan un ritmo acelerado para que nas vésperas do Nadal de 1998 poida saír o primeiro "Classe A", o A-160, feito no Brasil, un coche que se está xa a fabricar na propia Alemaña para ser vendido este outono en Europa.
     A chegada da Mercedes vívese como unha auténtica revolución. E animou á retraída colonia alemana, moi perseguida durante a Segunda Guerra Mundial: estes días tramítase no Concello unha lei pola que os descendentes de alemáns terán unha reducción nos impostos municipais se reproducen nas súas casas a pintoresca arquitectura xermánica.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega