Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A gloria

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil030.html




A gloria


     Ten unha luz sempre especial este recanto da baía. Hai poucos días celebrouse a festividade de Nosa Señora aquí, na igrexa do Outeiro da Gloria, moi coqueta ela coa súa caixa octogonal e coas pilastras separando as súas caras branqueadas de cal. Arte colonial do XVIII que me fai lembrar o santuario da Peregrina de Pontevedra. A única torre, cadrada, domina co seu campanario esta paisaxe soberbia. De debaixo do outeiro, por entre as árbores, sobe —é domingo— o barullo da feira do Russel, sempre ateigada de xente entre as barracas de quincalla e roupa barata, verduras, froitas e peixe.
     O balbordo e o cheiro xa non chegan ao outro lado do outeiro, ao veciño Hotel Gloria, toda unha institución que o pasado 15 de agosto cumpría 75 anos de vida. Foi construído a petición do presidente Epitacio Pessoa que desexaba un hotel adecuado para recibir os seus convidados que visitarían a capital nos fastos do centenario da independencia do Brasil. Inaugurado en 1922, catro anos despois do inicio das obras, empregouse nel por vez primeira no país o formigón armado. Clasicista e moderno, na súa caprichosa e elegante curva náutica, que parecía xogar coa forma da enseada, batían ás veces, antes do recheo, as ondas do mar.
     O actual director é o paulista Eduardo Tapajós. Chegou á cidade con vinteún anos —ten agora 69— como xefe do departamento de persoal dunha empresa de ómnibus, a Relámpago, da que tamén era socio, e que en 1949 comprou o hotel. Tapajós nunca máis deixou de dirixir este luxoso establecemento de cinco estrelas cheo de "glamour".
     Desde a belle époque (tropical) dos anos vinte, foi a casa da maioría dos presidentes da República que buscaron acougo entre as paredes da luxosa suite presidencial. Na revolución dos 30 Darcy Vargas agardou nel a chegada do seu marido que viña camiño do Río coas tropas victoriosas de daren o golpe de estado. Anos máis tarde, o daquela vicepresidente Itamar Franco refuxiouse tamén alí, onde tiña celebrado o seu casamento cando era alcalde de Juiz de Fora, mentres en Brasilia votábase a destitución de Fernando Collor de Mello, o que lle permitiu finalmente acceder á presidencia.
     Ademais da política, estiveron no Gloria moitas estrelas das artes, do cine e da canción. Hospedouse, entre elas, por exemplo, Ava Gardner en 1954 para promocionar A Condesa descalza, pero unha tarde, bébeda de whisky e xenebra, comezou a romper todo o que se lle puña por diante e foi cominada a abandonalo.
     Contou tamén entre seus primeiros clientes con Albert Einstein quen o dia 7 de maio de 1925 na habitación 400 concluíu —tiña que ser neste lugar— o seu manuscrito sobre a teoría da luz no que demostraba a existencia dos fotóns. O documento, enmarcado, forma parte do acervo do hotel.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega