Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Biodiversidade

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil031.html




Biodiversidade


     Comezan a ser publicados os diarios do barón alemán Georg Heinrich Langdorsff, protagonista da famosa expedición financiada polo zar Alexandre I que percorreu máis de dezaseis mil quilómetros polo interior de Brasil entre 1822 e 1829. O contido dos vinteseis cadernos de elegante e intrincada letra gótica alemana permaneceu
esquecido durante anos nunhas caixas gardadas na Academia de Ciencias de San Petersburgo que só foron inventariadas hai ben pouco.
     Dous volumes, xa nas librerías, recollen as viaxes polos estados de Río de Xaneiro e Minas Gerais, o primeiro, e polo de São Paulo o segundo. No próximo ano sairá do prelo o correspondente ao paso da expedición polo Mato Grosso e a Amazonia. E está previsto un cuarto exemplar con estudios de cientificos actuais, pois os manuscritos constitúen unha rica fonte, case inesgotable,
de coñecementos e posúen un enorme valor, contendo informacións preciosas e inéditas sobre aspectos moi variados de zooloxía, botánica, historia, linguas indíxenas, xeografía, antropoloxía, etc.
     Langsdorff, ben acompañado e asesorado por varios colegas, amósase nos seus comentarios como un perspicaz observador da realidade. E moi meticuloso. Desgraciadamente a súa aventura tivo un fin tráxico: contraeu a malaria na Amazonia e coas febres perdeu completamente a memoria. Morreu sen nunca poder recuperar as lembranzas de todo o que tiña visto no Brasil.
     Sorprende nos seus diarios a sensibilidade, tan actual, que manifesta polo problema da extinción dalgúns animais. Así, por exemplo, despois de asistir á violenta caza dun exemplar de tamanduá, defende, xa daquela, a necesidade dunha lexislación para protexer este desdentado oso formigueiro, que considera de grande utilidade por alimentarse de formigas devastadoras para a agricultura.
     Vén isto a conto porque acaba de ser denunciado publicamente de novo o perigo de extinción dalgúns animais e a perda de biodiversidade que supón o substancioso negocio do comercio ilegal de especies ameazadas, do que o Brasil é un país exportador, sobre todo para Europa e Norteamérica. Os casos máis frecuentes afectan ás tartatugas amazónicas e ás aves, como aconteceu hai pouco cando un matrimonio brasileiro foi detido na Indonesia por levar dúas araras reais —o Anodorhynchus legri, do que, calcúlase, a penas quedan cen exemplares— vivas e agochadas na súa equipaxe.
     Pero é tamén un problema social. Son os máis pobres os que se dedican a este comercio. Como Isidoro José dos Santos, un rapaz de quince anos que vive á beira da estrada BR-116 da venda de papagaios. Catro ou cinco por semana. "Quanto máis novo", explicou ao Jornal do Brasil, "maior o prezo, por causa da facilidade de aprender outros idiomas".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega