Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Dor de cotobelo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil034.html




Dor de cotobelo


     Estes días anunciouse a próxima estrea da obra de teatro Brasileiro, profissão esperança, dirixida por Bibi Ferreira, en realidade unha nova montaxe da peza que obtivera un éxito rotundo en Río no ano 1970 e na que Paulo Pontes, un dos maiores nomes da dramaturxia brasileira, reúne textos de Antonio María e cancións de Dolores Duran.
     Dolores, que se chamaba Adilea Da Silva Rocha e cambiou o seu nome por outro máis axeitado para cantar baladas e boleros nunha época na que estes invadían Brasil, foi unha das maiores representantes da música popular brasileira. Con doce anos, cando morreu o pai, saíu do remoto suburbio de Río onde nacera en 1931 para se converter despois na deusa da noite da elegante Copacapana nos dourados anos 50. Dolores especializouse no samba-canção, unha mestura do ritmo negro do samba coa branca melodía da canción, algo sempre lento, abolerado e centrado na temática triste do que se chama, pola postura típica da melancolía, "dor-de-cotobelo": amores imposibles, corazóns rotos, paixóns prohibidas, soidades e esperas sen fin, ...
     Esta raíña da noite, de voz delicada e melancólica que cantaba as verdades máis sinxelas e secretas dos sentimentos, compartiu as intensas madrugadas de bohemia e alcol da zona sur da cidade, entre outros, con Antonio María, un mulato, coma ela, de corpo xeneroso
e escritor xenial.
     Antonio María Araújo de Morais viñera de Pernambuco para o Río e facía un pouco de todo: radio, televisión e tamén letras e música para cancións de dor-de-cotobelo, como a fermosa Ninguém me ama, que o consagrou no xénero. Entre 1948 e 1964 asinou unha popularísima columna en diversos xornais, toda unha marabilla de humor e vivacidade que constitúe un dos monumentos do xornalismo carioca.
     O director de Brasileiro, profissão esperança, título extraído precisamente dunha das últimas crónicas de Antonio María, amósase apaixonado pola traxectoria destes dous personaxes unidos por unha mesma filosofía da vida e de amor polo Río. Bibi Ferreira optou, ao parecer, por respectar o texto orixinal pero quixo "modernizar" a música, traballo que lle encomendou ao famoso compositor João Donato, sen saber que este mantivera hai tempo unha relación amorosa con Dolores Duran durante tres anos, cando aínda eran uns mozos de vinte. A parella quería casar, pero o autoritario pai del, para afastalo dela, mandouno para o Acre e xa se sabe que non hai amor que resista un desterro do amante nos confíns da Amazonia.
     Con todo, non sei se asistirei á estrea. Quizáis son celos, pero non me gusta que este João Donato ouse facer arranxos nas inspiradas e envolventes cancións de Dolores e, por riba, confese publicamente sen ningún pudor que anda agora moi preocupado por saber se algún daqueles versos que cantaba ten algo que ver con episodios da súa experiencia amorosa.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega