Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A reconquista das almas

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil035.html




A reconquista das almas


     O vestíbulo da Estación Central de Río ten o encanto dos grandes espacios públicos, cheos de vida, nos que a xente vai e vén, e embarca e desembarca nos trens, aquí miserables, que a comunican co seu destino, case sempre nos suburbios ou nas cidades do interior do estado. Mentres, fóra, arredor do edificio, cartóns e mantas sen teito sérvenlles a moitos de precario fogar, e polas mañás prospera un mercado de toda clase de productos, froito a miúdo de pequenos furtos. A animación, polo demais, é completa nas concorridas paradas dos autobuses e das furgonetas piratas que recollen ás presas os seus clientes.
     Todos os venres polo mediodía, nun recanto da estación celébrase unha misa a carón mesmo dun carriño onde venden zumes e sandwiches e paran moitos viaxeiros a tomar un café. Os fieis que participan na cerimonia cantan e rezan as oracións perante un sacerdote que oficia nun improvisado altar.
     Unha señora aproveita para distribuír entre os curiosos, que non somos poucos, propaganda do Sistema Católico de Comunicacións. "Abra o seu corazón a esta transmisión de Amor e Fé," di o papeliño que coa imaxe da estatua do Cristo Redentor recomenda algúns programas católicos de radio e televisión. O estilo parece calcado das igrexas evanxélicas.
     O chamado "maior país católico do mundo"
, Brasil, é xa tamén o terceiro en número de protestantes. As cifras son ben elocuentes: nos últimos anos tivo lugar a pacífica conversión de oito millóns de brasileiros ás máis de cen denominacións evanxélicas que aquí existen. E a velocidade de crecemento é asombrosa nas camadas máis pobres da poboación. Un fenómeno sorprendente que non pasa desapercibido para a xerarquía católica. Esa é quizais a principal razón da recente vinda do Papa ao Brasil, na estratexia do Vaticano para conter o imparable avance das demais relixións e sectas.
     Dende o alto do Corcovado, onde se contempla unha das paisaxes máis espectaculares do mundo, abre os seus brazos en cruz a figura do Cristo Redentor. Aínda que o seu estilo artístico resulta anodino, a xigantesca escultura ten moita forza e forma parte desa clase de monumentos susceptibles de seren miniaturizados polos souvenirs para turistas (lémbrome dun deles feito en madeira na casa duns emigrantes de Arteixo).
     A idea da estatua foi do padre francés Pierre Marie Bos, que chegou a Río en 1859, pero non se realizou ata 1931. E conta o arquitecto Jorge Scevola nun recente libro (O Corcovado e a Montanha de Deus) que xa daquela algunhas igrexas evanxélicas fixeran manifestacións
en contra da súa construcción. Claro que tamén di que houbo protestas porque nun dos primeiros bosquexos aparecía o Cristo cun globo terráqueo na man e había quen falaba do risco que supoñía facela así nunha cidade na que para moitos a única relixión era o fútbol* .


___________________

*
Veu meses despois —quen o diría— o famoso anuncio de Pirelli coa imaxe de Ronaldinho.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega