Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Noticia dun secuestro

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil037.html




Noticia dun secuestro


     Eran tantos sempre os libros que se presentaban, que desde 1564 George Willer, libreiro de Augsburgo, decidiu facer dous catálogos anuais coas novidades para as obrigadas feiras de primavera e outono de Frankfurt. Xa desde o século anterior impresores, libreiros e escritores de toda Europa acostumaban a reunirse nesa cidade renana para os intercambios comerciais. Clausurada onte, a actual Feira do Libro de Frankfurt contou coa presencia de miles de editores, axentes literarios, xornalistas, libreiros e bibliotecarios, xuntos nun evento onde se decide, en realidade, o que vai ler a maior parte do mundo nos próximos meses.
     A Alemaña chegou tamén, como é lóxico, Sergio Machado, presidente do sindicato brasileiro de editores e director da Record, a prestixiosa editorial fundada polo seu pai en 1942. A súa empresa controla boa parte do mercado nacional, con máis de cinco mil títulos no seu catálogo, entre eles obras de autores consagrados, como as do seu amigo Jorge Amado, Gabriel García Márquez, Rubem Braga, Graciliano Ramos, Irving Wallace, Eugenio Montale, Carlos Drummond de Andrade, etc.
     No pasado día 17 de setembro Sergio Machado recibiu unha inquietante chamada telefónica na habitación do Hotel Frankfurt Hall onde permanecía hospedado. Unha voz anónima comunicoulle o secuestro da súa irmá Sonia, e nunha segunda chamada a mesma persoa insistiu en que a cousa ía en serio e falou do pagamento dun rescate. O empresario xa tiña daquela confirmación da noticia: a súa irmá fora, en efecto, raptada na noite do venres, cando saía do traballo e se dirixía ao seu domicilio en Botafogo. De corenta anos de idade, casada e enxeñeira de profesión, Sonia Machado levaba a dirección financeira da Record, da que é socia xunto cos seus irmáns Sergio e Alfredo, herdeiros todos eles do negocio do pai, morto en 1994.
     Despois de informar da situación aos seus colegas e profundamente consternado, Sergio volveu para Río. Axiña soubo que a súa irmá era a tercera víctima dun secuestro nesa semana na cidade (que con este caso xa son 11 os que quedan aínda sen resolver e que a policía contabiliza 42 no que levamos de ano). No pasado día 13 os secuestrados foron Rosane Manela, a filla do propietario da De Millus, unha empresa de lencería, e Valmir Fernandes do Amaral, dono dunha empresa de transportes.
     Os parentes deste último teñen moitos motivos para non entrar en contacto coa policía. Valmir xa viu como os seus amigos eran secuestrados. O primeiro, Manoel Alves Lavoura, morreu no cativerio en 1994 despois de pagar a súa familia dúas veces o rescate. O seu irmán José sufriu a violencia por dúas veces. Os secuestradores, sen cobrar nada, liberárono da primeira porque acababa de operarse. Pero non tiveron compaixón. Na segunda, resistiuse e levou un tiro no rostro. Despois de seis meses acabou morrendo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega