Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Lección de historia

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil038.html




Lección de historia


     Bótoo moito de menos. Desde a outra beira do Atlántico quero felicitar publicamente ao meu amigo Juan José Sagarra Prado, que acaba de gañar unha praza de profesor de Xeografía e Historia nas últimas oposicións de ensino secundario, expoñendo brillantemente o tema nº 65: "A guerra fría, os seus antecedentes e manifestacións. Os conflictos locais". Juan José abriunos os ollos a moitos coas súas conversas, nas que falaba con coraxe e paixón de complexas batallas xeopolíticas, de acordos Salt I e II, de mísiles SS-20, de tácticas e estratexias... "A guerra fría rematou coa victoria dun lado e a derrota do outro", espetoulle ao tribunal no inicio da súa exposición, retomando a afirmación de Z. Brzezinski, conselleiro de Seguridade Nacional co presidente Carter.
     Coincidindo coa recente visita de Bill Clinton, saíron á luz en Estados Unidos interesantes informacións sobre o papel desempeñado por Brasil nos anos quentes da guerra fría. Así, por exemplo, das conversas de Kennedy gravadas na Casa Branca durante a crise dos mísiles con Cuba, dedúcese que o goberno brasileiro de Joaõ Goulart actuou como mediador entre ámbolos países e mesmo enviou un emisario persoal para falar do asunto con Fidel Castro.
     Doutras conversas, neste caso as gravadas ao presidente Lyndon Johnson, desvélase que este consideraba ao Brasil un país moi vulnerable, coma o Vietnam, ás acometidas do comunismo soviético e que a CIA e a diplomacia norteamericana axudaron a derrubar o presidente brasileiro en 1964.
     Isto último acaba de confirmalo o daquela embaixador de Estados Unidos en Brasil, Gordon Lincoln, nunha recente e substanciosa entrevista, onde conta detalles inéditos da conspiración. O diplomático vía a democracia ameazada e, ao parecer, informou ao seu goberno do risco de sufrir Brasil un golpe comunista. Confesa que temía, segundo as súas palabras, un
"Nasser" brasileiro, en vista dos excesos do goberno Goulart e os seus aliados esquerdistas, que se infiltraran na administración, radicalizando as reformas emprendidas. Nunha das citas recollidas no libro, Johnson xulga a funesta intervención dos militares en 1964 como "a cousa máis importante que aconteceu no hemisferio (occidental) nos últimos tres anos".
     Curiosamente tamén na semana pasada poñíase á venda as memorias dun dos organizadores do golpe, morto o ano pasado, o xeneral Ernesto Geisel, que asumiu a Presidencia da República entre 1974 e 1979. Geisel non oculta o fracaso dos seus proxectos de apertura controlada do réxime, de defensa dun maior estatismo económico e dunha politica exterior máis nacionalista que buscaba afastarse da influencia norteamericana e aumentar os lazos con África. Escéptico, fala tamén do permanente atraso do Brasil e da imposibilidade de que poida ser un país moderno. "¿Como?", di, "¿por decreto?".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega