Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Manaus

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil039.html




Manaus


     Os representantes dos países que participaron en Manaus na reunión para debater os proxectos ecolóxicos de preservación da rexión amazónica, nunca pensaron sentir tan de preto as grandes contradiccións que supón un desenvolvemento harmónico coa natureza.
     A cidade, capital do estado do Amazonas, foi levantada no medio da selva, na confluencia das escuras augas do río Negro coas do Amazonas e hoxe en día, con máis dun millón de habitantes, aínda conserva algo da grandeza e do luxo do que gozou nos últimos decenios do século pasado, coa explotación da riqueza do caucho natural. O emblemático edificio da súa Ópera, que tanto admiraron os conferenciantes, constitúe o mellor exemplo da efémera gloria daquela época.
     Pero en Manaus, e tamén en quince concellos do interior do estado, as prioridades, como ben puideron comprobar os ilustres visitantes, son hoxe máis perentorias polo drástico racionamento de auga e de enerxía eléctrica decretado hai uns días na cidade (que foi, quen o diría, a segunda do país en contar co invento). Na maior rede hidrográfica do mundo, esta grave situación resulta certamente insólita.
     As causas hai que buscalas na reducción do nivel de auga no lago da hidroeléctrica de Balbina —construída na década pasada con moita polémica polo impacto ambiental que causou—, que é a responsable do abastecemento da cidade. Ao parecer, o fenómeno metereolóxico de "El Niño" explicaría a falta de chuvias nas cabeceiras dos ríos, sobre todo na do río Negro, que está a padecer unha das maiores secas da súa historia.
     As consecuencias son desastrosas e inesperadas. Unhas empresas eliminan quendas de traballo e outras prolongan a xornada ata o domingo, sobre todo as da zona franca do porto, unha área de libre comercio creada hai trinta anos para intentar superar o illamento da rexión. Prorrogouse o curso escolar un mes máis, os bancos abren unha hora máis tarde e nos tribunais de Xustiza maxistrados e avogados traballan sen toga porque o ar acondicionado, vital nesas latitudes, non funciona.
     A empresa Eletronorte (Centrais Elétricas do Norte de Brasil S.A.) reaccionou ás protestas dos cidadáns co anuncio de que vai importar de Estados Unidos dous barcos xeradores de enerxía eléctrica que chegarán antes de fin de ano. Mentres, nos últimos días o desabastecemento obrigou a moita xente a carretar botellas e baldes con auga para limpar as sepulturas do cemiterio e preparalas para o día de defuntos. A falta de luz pode ser, por desgracia, un inferno: dous bebés prematuros que estaban na incubadora dunha maternidade morreron porque a luz acabou e non había xerador para facer funcionar a máquina.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega