Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O foguete

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil040.html




O foguete


     Despois de recoller valiosos datos e informacións e ofrecer espectaculares imaxes do planeta vermello, púxose fin á misión da nave Pathfinder en Marte. Nesa aventura espacial acadou a fama Jacqueline Lyra, una enxeñeira brasileira que foi a única do equipo de control da misión, en Pasadena, que conseguiu espertar do seu silencio, na fría madrugada marciana, ao robot Sojourner coa inspiradora Coisinha do pai cantada por Beth Carvalho. Todo un éxito co que o samba iniciaba a súa particular conquista do sistema solar.
     Menos fortuna tivo o lanzamento o domingo do primeiro foguete espacial brasileiro, o VLS-1 (o Veículo Lançador de Satélites), destruído sesenta e cinco segundos despois da súa saída na base aérea de Alcántara, ao norte do país, moi preto do mar e da liña do Ecuador, en São Luis de Maranhão. Un dos catro motores de propulsión fallou e o foguete tomou unha traxectoria errada. A penas subiu tres quilómetros dos 750 que debería percorrer antes de lanzar en órbita o satélite SCD-2A, tamén de fabricación enteiramente brasileira, un enxeño concibido para a recollida de datos metereolóxicos.
     O domingo non só estouparon no ar moitos millóns de dólares senón tamén as grandes esperanzas que se tiñan aquí de ver axiña o Brasil no selecto club de países que dominan esta tecnoloxía. A intención de amosarlle ao mundo a competencia brasileira no sector espacial, un mercado moi emerxente, viuse comprometida despois do acontecido. E isto despois de case dúas décadas de perseguir o proxecto, aprazado varias veces polas dificultades económicas, pero tamén políticas, pois resultaba sempre moi sospeitosa a proliferación nos países do Terceiro Mundo de foguetes capaces de se converter en mísiles balísticos de uso militar.
     Tras asistir en directo, no ateigado Teatro Nacional de Brasilia, ao fracaso da misión, Luiz Gylvan, o presidente da Axencia Espacial Brasileira quixo restarlle gravidade ao asunto afirmando que este tipo de explosións eran habituais nos países desenvolvidos e mesmo na NASA, a axencia norteamericana a quen se vai recorrer o próximo ano para unha nova tentativa. Para evitar que se espallara o sentimento de fracaso que se apoderou de todos os alí presentes, incluídos os medios de comunicación, a Gylvan non se lle ocorreu outra cousa que servirse dun dos típicos chistes de parvos que aquí —a vinganza do colonizados— se lle atribúe sempre aos portugueses. A "piada", así se lles chama ás bromas, non puido ser máis desafortunada. Para dicir que resultaba imposible asegurar o lanzamento de foguetes, declarou que era igual que o conto do portugués aquel que quere comprobar o estado dos fósforos dunha caixa e rasca todos os mistos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega