Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Choros

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil041.html




Choros


     Dos edificios do centro de Río quedo, sen dúbida, co Teatro Municipal, unha delicada e primorosa xoia das poucas que, por desgracia, se conservan da gran Avenida Central (hoxe Río Branco), aberta no inicio deste século polo alcalde Pereira Passos para transformar a daquela pacata capital da República do Brasil nun elegante París tropical.
     Nesa réplica da Ópera parisiense inaugurada en 1909, o modelo de prestixio que para tales funcións aconsellaba a École des Beaux-Arts, conseguiuse na tarde do sábado cumprir una dos soños do compositor Heitor Villa-Lobos: a estrea da serie integral dos seus Choros, obra considerada polo musicólogo José María Neves como "unha especie de sublimación de toda a música popular brasileira".
     O choro naceu da improvisación e da relectura de ritmos estranxeiros (tangos, polcas, valses, mazurcas, habaneras...) que os músicos populares convertían, con máis síncopes e crebas, en melodías "chorosas". O pai aprendeulle a Villa-Lobos teoría musical e a tocar o clarinete; con el asistía, ademais, a óperas e concertos nos que o obrigaba a recoñecer rapidamente notas e sons. Trala súa morte, rematados os estudios básicos na escola do mosteiro de São Bento, Villa-Lobos, desobedecendo as ordes maternas, saía sempre de casa para se xuntar cos grupos de choro que tocaban en bares, festas e rúas da cidade.
     A Orquestra Sinfónica Brasileira e a Orquestra Sinfónica do Teatro Municipal ofreceron o sábado unha homenaxe póstuma ao compositor brasileiro máis universal. Os sete choros da primeira parte —guitarra o primeiro, frauta e clarinete o segundo, tres trompas e un trombón o terceiro...— destilan tamén o sabor da música dos indios. Xa entre 1905 e 1912 Villa-Lobos realizou varias viaxes polo norte e nordeste do país e quedou impresionado pola riqueza das manifestacións folclóricas. Propuxo destinar para a educación musical nas escolas o libro coas cancións recollidas por consideralas "as raíces da nosa nacionalidade". O seu proxecto dunha música nacionalista viuse moi beneficiado co movemento da Semana de Arte Moderna de São Paulo que revolucionou o mundo artístico brasileiro. Villa-Lobos volveuse máis iconoclasta coa música académica, que chamaba "música papel", algo que se puido comprobar na segunda parte do programa do sábado, con choros máis modernos e de difícil execución.
     Despois do concerto, con bo sabor de boca, lembrei as palabras dun famoso crítico francés que, cando Villa-Lobos presentou as súas composicións no efervescenteParís de 1927, saudou así o acontecemento: "é a primeira vez na Europa que se asiste a obras vindas da América do Sur; elas tráennos a natureza, unha profusiónde froitas, paxaros e flores".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega