Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Cave canem

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil042.html




Cave canem


     Chama moitísimo a atención, pola insistencia e o ton alarmista utilizado, o inquietante anuncio televisivo de Correos do Brasil no que se reclama aos donos de cans que vacinen os seus animais. Dase por descontado que as posibilidades que teñen os carteiros de seren mordidos no exercicio diario do seu traballo son certamente moitas, pero non é para menos a advertencia, visto o acontecido estes últimos días.
     Na rexión metropolitana de São Paulo un can de raza rottweiller matou a dentadas á artesá Sonia Hosti, de cincuenta anos, irmá da dona do animal. En Río de Xaneiro a víctima foi desta vez un neno de catro anos, Kevin Martins, atacado por Tigre, Bob e Marley, tres cans mestizos de pastor alemán e fila brasileiro. Maila as profundas trabadas sufridas en todo o corpo (cabeza, nádegas e pernas), os médicos conseguiron salvar a vida do pequeno.
     Despois de ser informado da traxedia, o alcalde da cidade anunciou que vai enviar un proxecto de lei á Cámara Municipal para prohibir a cría de cans pitbull terrier e fila brasileiro por consideralos xeneticamente violentos. As cifras, alarmantes, parecen darlle a razón: ata o mes de outubro deste ano foron agredidas 13.252 persoas, entre elas moitos nenos, a maioría por exemplares destas dúas razas.
     Os pitbulls xurdiron no inicio do século XIX en Inglaterra do cruzamento do bulldog e un tipo de terrier. Feroces e de poderosos dentes e músculos, resultaron ideais para a salvaxe diversión das pelexas de cans. En 1991 decretouse no Reino Unido a sentencia de morte para os dez mil existentes, unha semana despois do ataque sufrido en Londres por unha nena de seis anos. En 1989 xa fora declarado inimigo público nos Estados Unidos e ter un pitbull considérase legalmente coma portar unha arma.
     A historia do fila brasileiro ten varios séculos e no seu labirinto xenealóxico aparecen razas como o mastín inglés, o sabuxo e o antigo bulldog introducidas polos holandeses na súa colonización do nordeste. Espallouse despois polo interior, seguindo as marxes do longo río
São Francisco e, mesturado tamén con outros traídos polos portugueses, converteuse nun bó can pastor e de caza, mesmo de onzas, e nun eficiente gardián, polo que e adoptado polos grandes facendeiros que tamén o utilizaban para filar (capturar) escravos fuxitivos.
     Hoxe en día considérase patrimonio nacional. De aí que a proposta do alcalde de Río levantase toda unha polémica entre os defensores da única raza brasileira recoñecida, vai haber trinta anos, pola Federación Cinolóxica Internacional (FCI). Alegan estes que a fama de agresivos é unha lenda e que os problemas causados non veñen da raza e si de determinados cruzamentos e, sobre todo, da forma en como son educados polos seus donos nunha sociedade tan violenta.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega