Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O descubrimento

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil43.html




O descubrimento


     Cóntanme que avanzan a bo ritmo as obras da Exposición mundial de Lisboa, dedicada aos océanos, que se vai celebrar en 1998 co gallo do medio milenio transcorrido da chegada de Vasco da Gama á India. Os pavillóns ofrecerán, seguro, aos dez millóns de visitantes previstos, parvadas semellantes ás da Expo de Sevilla e daráselle un aire tan de moderno centro comercial á vella capital que xa non sei se haberá sitio para locais de ambiente sórdido, como O Mascate da Atalaia, no Bairro Alto, onde cantaba fados o descoñecido Antonio Paiva.
     Dentro da promoción do evento, a Comisión Nacional para as Conmemoracións dos Descubrimentos Portugueses, creada polo goberno lusitano, deulle carácter oficial á tese dun dos seus membros, o profesor da Universidade de Lisboa Jorge Couto, quen defende algo que se viña sospeitando desde hai tempo: que as terras que hoxe constitúen Brasil non foron descubertas por primeira vez pola flota comandada por Pedro Álvares Cabral o 22 de abril de 1500, cando avistou o chamado monte Pascoal no sur do actual estado de Bahía.
     Segundo o libro deste historiador, Portugal e a construção de Brasil —publicado o ano pasado e do que hai traducción española—, o primeiro europeo en chegar a terras brasileiras sería o navegante Duarte Pacheco Pereira, un xenio da astronomía, navegación e xeografía,
e home de absoluta confianza do rei Manoel I, a quen representou nas intricadas negociacións do Tratado de Tordesillas nas que España e Portugal asinaron o reparto do mundo. Entre novembro e decembro de 1498, é dicir, un ano e medio antes da expedición de Cabral, Duarte Pacheco tería desembarcado nun punto do litoral localizado aproximadamente na fronteira dos actuais estados de Pará e Maranhão, e de aí seguiría viaxe pola costa norte, entrando mesmo na foz do Amazonas.
     Os resultados desa viaxe foron mantidos en secreto porque a terra firme descuberta estaba na área de influencia da coroa española. Cando o rei Manoel I comunicou posteriormente aos Reis Católicos a nova da viaxe de Cabral, fíxoo cinicamente e atribuíndoo a un verdadeiro milagre. O descubrimento de Brasil ocorreu no contexto da intensa rivalidade entre os dous reinos ibéricos.
     Maila as evidencias históricas, as conclusións dos investigadores non van trastocar, ao parecer, as solemnes conmemoracións previstas en Brasil para o ano 2000 nin os plans do goberno portugués que decidiu comprar e restaurar a casa natal do navegante Pedro Alvares Cabral, en Santarem, á beira do Texo, que, descubriuse hai pouco, viña funcionando como un prostíbulo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega