Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Novas da Amazonia

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil044.html




Novas da Amazonia


     Brasilia era unha cidade, dicíase, futurista. A min pareceume estrañamente inxenua e melancólica. Moi apropiada para a celebración do primeiro Foro Mundial de Ufoloxía que vai durar toda esta semana e no que se reúnen desde o domingo máis de setenta especialistas en ovnis. Xa desde o primeiro día das sesións chegouse ao acordo de intentar convencer aos gobernos de que, cincuenta anos despois, hai feitos dabondo para que recoñezan oficialmente a existencia de discos voadores e rompan o silencio en relación á posible visita de extraterrestres á terra.
     Segundo algúns dos participantes no congreso, os militares brasileiros que silencian e negan o seu interese polo tema, teñen un importante arquivo secreto de casos de persoas que garanten telos visto. Agárdase con impaciencia, neste sentido, a intervención de Basilio Baranoff, funcionario do Centro Tecnolóxico da Aeronáutica en São José de Campos, por ser un dos poucos no Exército que asume que estudiou o fenómeno en 1986 cando vinteún ovnis terían aparecido, di, nos ceos de São Paulo.
     Vaise presentar, ademais, un vídeo do coronel Uyrangê Hollanda, morto recentemente, no que conta con detalle como en 1977 un grupo de militares da Aeronáutica foi enviado á selva amazónica para comandar unha investigación de caracter confidencial —denominada "Operación Prato"— consistente en procurar obxectos voadores non identificados e, se fose posible, manter contactos oficiais con extraterrestres.
     A preocupación pola Amazonia é, sen embargo, ben diferente no Palacio de Planalto, a sede presidencial de Brasilia. Os asesores de Fernando Henrique Cardoso decidiron a pasada semana ordenar ao Instituto de Pesquisas Espaciais que adiase a obrigada divulgación dos novos datos de 1995 e 1996 sobre a deforestación da Amazonia para a volta da viaxe oficial do presidente a Inglaterra.
     Desde xuño máis de cen persoas veñen analizando, día e noite, máis de cinco mil imaxes tomadas dos satélites sobre a Amazonia. Cada cadro representa unha área de 250 km2 de territorio que debe ser comparada coa imaxe de anos anteriores para saber o que está a ocorrer na maior reserva forestal do mundo. O informe é enviado despois á Nasa. Témense as novas: non se van atopar, precisamente, con vestixios de extraterrestres e si co imparable avance das fronteiras da gandeiría, da minería e das madereiras.
     Pero non é casual o aprazamento. Non se quería embazar a visita do presidente a Inglaterra, un dos países, xunto cos Estados Unidos, que máis parece presionar por este asunto, nin tampouco alporizar aos grupos ecoloxistas ingleses, algúns moi radicais, que, lémbrome, na decada dos oitenta, lanzaran unha consigna brutal: "Salve a Amazonia: mate un brasileiro".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega