Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Adaptación ao medio

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil046.html




Adaptación ao medio


     No verán que acaba de comezar no hemisferio sur resultan absurdos os hábitos do Nadal da fría Europa ou Norteamérica e ver suar a tanto Papá Noel con esas roupas ridículas e estas calores. Son moi difíciles de dixerir as árbores boreais de luces e adornos típicos co ambiente das praias, máis ateigadas de xente que nunca. Ademais da imparable mundialización dos costumes, algo terá que ver, supoño, a invasión de turistas estranxeiros que veñen pasar aquí estas festas.
     Aínda que Río continúa a ser a cidade máis visitada do país, as cifras publicadas recentemente proban que perde turistas, tamén brasileiros, que prefiren outros destinos para pasar as súas vacacións. As axencias de viaxes ofrecen moitas posibilidades, algunhas certamente sofisticadas, en relación co emerxente e alternativo turismo ecolóxico. Bo exemplo disto é o que se está a desenvolver no arquipélago Fernando de Noronha, situado no Atlántico, moi preto do Ecuador e a case dúas horas de avión de Recife, a capital do estado de Pernambuco ao que hoxe pertence.
     En marzo deste ano aprobouse o primeiro proxecto de ecoturismo para este parque nacional formado por unhas vinte illas, ás que os visitantes acceden pagando unha taxa, para a súa preservación, duns catorce dólares por día e por persoa, que supera os cen no caso de
permanecer máis de cinco días nas decenas de pousadas por elas espalladas ou no único hotel, O Esmeralda, que alí existe.
     Américo Vespucio pasou por Fernando de Noronha en 1503 e falou dunhas "illas paradisíacas" no medio do océano Atlántico". En l832 Charles Darwin desembarcou na principal e quedou abraiado pola riqueza da súa vida mariña. Trinta e dous anos despois un emigrante coruñés, Galo Salinas, futuro xornalista e dramaturgo e daquela case un neno, viu como naufragaba alí o barco que o levaba a Uruguai, unha historia que algún día escribirei co meu amigo Fernando Pereira.
     O arquipélago mantén o seu patrimonio ambiental especialmente coidado, con animais e vexetais singulares, sendo ruta migratoria de diversas aves, hábitat de especies en extinción, como as tartarugas mariñas, e escenario da concentración de golfiños para se emparellaren.
     O pasado venres un ornitólogo da Universidade Federal de Pernambuco publicou os resultados do seu estudio sobre o "sebito" (vireo gracilisostris), un paxaro endémico das illas e unha das súas dúas únicas aves terrestes. Observou que mudara os seus hábitos alimentarios e comprobou que xa non come só insectos, como estaba rexistrado cientificamente, senón que amosa preferencia polo touciño e as migallas das hamburguesas deixadas polos turistas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega