Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Débora Rodrigues

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil047.html




Débora Rodrigues


     Vaise o mes de decembro coa fulgurante aparición dunha nova estrela no firmamento televisivo brasileiro: Débora Rodrigues, a presentadora do programa Fantasia do canal SBT (de luns a venres entre as catro e media e as seis da tarde). Feito a semellanza do italiano 50 mulleres, axiña conseguiu atraer a atención do público, a maioría adolescente, que parece encantado, aparvado mesmo, coa presentadora e acompañantes (Adriana Colin, Jackeline Petkovic e Valeria Balbi) que falan, cantan e bailan envoltas sempre en vestidos curtos e moi escotados.
     Tanto éxito fixo desbancar outros programas dos primeiros lugares de audiencia e provocou máis dun colapso nas liñas telefónicas da gran rexión metropolitana de São Paulo, conxestionadas polas chamadas dos espectadores que pretendían participar nos xogos e concursos con premios en metálico (non moito: de cen a cincocentos dólares) e, de paso, eloxiar a fermosura de Débora ou pedirlle o seu enderezo.
     Débora Rodrigues, en realidade Débora Cristina de Moura Rodrigues, ten vintenove anos e só saltou á fama este ano cando decidiu aceptar unha substanciosa oferta económica para posar núa na revista Playboy. A que era filla de camioneiro e ela mesma conductora de
ómnibus e camións, enrolárase tres anos atrás cos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), o movemento social de máis forza hoxe no Brasil, para loitar pola devolución e reparto xusto de terras, chegando a ser unha das súas líderes. Deixou despois as estradas para aparecer na capa da devandita revista do mes de outubro, e converterse, como dicía a publicación, "na musa dos sem-terra, na doce brasileira que descoñece as súas medidas de busto e cintura" .
     Pero coa popularidade viñeron tamén os reproches de moitos integrantes do movemento e o escándalo na prensa, que dubidou da súa honestidade. Curiosamente, acaba de saír na súa defensa Sebastião Salgado, un dos fotógrafos máis famosos do mundo, o poeta brasileiro do máis puro branco e negro e do contraluz, o artista que nos devolve a mensaxe da realidade e da épica do traballo humano. (Conservo na memoria as impactantes reportaxes que dedicou aos garimpeiros de Serra Pelada, aos desmanteladores de barcos de Bangladesh, aos obreiros do Eurotúnel da Mancha e tamén aos Sem Terra, que deu a coñecer no resto do mundo).
     Preguntado pola mesma revista Playboy deste mes de decembro que opinión lle merecía que Débora Rodrigues, integrante do MST, posara núa respondeu que
"o MST non é un movemento relixioso... e que ela é dona do seu corpo, ten o dereito de facer o que queira. Cando era camioneira, ninguén a criticaba..."

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega