Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Unha postal

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil048.html




Unha postal


     Conta o Jornal de Brasil do domingo que un dos mellores negocios das últimas poxas de arte foi a venda dunha valiosa colección de tres mil fotos e postais antigas de Río, unha das cidades máis fotografadas do mundo, desde que en 1840 o abade francés Louis Compte, de paso por aquí, desembarcou co invento e fixo tres daguerrotipos, os primeiros en toda América do Sur.
     Segundo José Inacio Parente, autor do filme Río de memorias sobre a historia da fotografia na cidade, as espectaculares paisaxes urbanas foron sempre a maior atracción para estes novos artistas da cámara escura, simples afeccionados ás veces, como José Batista Barreira Viana, de quen se acaba de coñecer unha foto súa datada entre 1897 e 1903, na que aparece o inmenso areal case deserto que era daquela a praia de Ipanema e o camiño de terra por onde cruzaban tranvías tirados por mulas. Di a lenda que a bailarina Isadora Duncan, encantada coa natureza do lugar, entre a Lagoa de Freitas e o mar aberto, danzou alí núa para o escritor João do Río.
     Aínda que ultimamente resulta máis frecuentada a praia da Barra da Tijuca, Ipanema, "augas perigosas" en lingua tupí —o mar é relativamente bravío—, continúa a ser a favorita por tradición, quizais por pura inercia, e é nela onde, para xornais e revistas, o verán "acontece", atentos sempre os periodistas aos comportamentos, costumes e novidades dese escaparate de corpos dourados de sol que polas súas areas desfilan. Pero non foi sempre así. Ignorada ata o fin dos anos cincuenta, conseguiu despois substituir a Copacabana e desprazar máis ao sur os lugares preferidos da bohemia e dos intelectuais que nun feliz delirio chegaron a proclamar no famoso Pasquim radical que publicaban, a República independente de Ipanema. E sobre todo, a praia quedou asociada para sempre á música da bossa nova, o territorio onde reinaban os indómitos e tan chorados Tom Jobim e Vinicius de Moraes.
     Nestes días de calor tórrida do verán, o mellor programa das vacacións do carioca segue sendo, coma sempre, botar o día na praia. O domingo é unha boa ocasión para vir aquí, á de Ipanema, pois aínda se celebra no barrio —praza General Osorio, Rúa Visconde de Pirajá— a feira hippie, agora máis no nome que na realidade, unha reminiscencia dos floridos anos setenta, na que sempre hai algo que atopar. Con tanta calor moita xente aproveita para ir a praia á tardiña, cando a temperatura é máis fresca, a gozar da maxia do lugar. Este verán renaceu o curioso hábito, perdido hai máis de vinte anos, agora rito diario dunha multitude de emocionados fieis, de aplaudir o solpor, cando arredor das oito a enorme bóla laranxa, vermella, se mergulla no mar preto da montaña Dois Irmãos .

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega