Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Último recurso

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil049.html




Último recurso


     Dos últimos datos publicados dedúcese un maior optimismo sobre a situación dos indios brasileiros. Despois de moitos séculos, o seu número está aumentando cada vez máis. As cifras son elocuentes: a taxa de crecemento das poboacións indias é de 3,5% anual, mentres que a media do país é de 1,3%. O antropólogo Darcy Ribeiro, morto hai un ano, calculara a existencia de cinco millóns de indios en 1500 cando comezou a colonización portuguesa. Nos anos cincuenta deste século serían aproximadamente cen mil e hoxe, ao parecer, trescentos mil, contando tamén os que viven en centros urbanos (case vinte mil).
     A relativa recuperación demográfíca é o froito de moitos anos de esforzos e loitas pola supervivencia e da axuda combativa de moitas organizacións que deron a voz de alarma para que o Estado exercese o amparo sobre estas poboacións. A maior conquista chegou coa aprobación da Constitución Federal de 1988, na que se recoñecía o dereito inalienable dos indios á posesión das terras que ocupaban. Pero a Funai (Fundação Nacional do Indio), a axencia gubernamental encargada de defender e garantir os intereses e os dereitos indíxenas, ten moitísimas dificultades para facer cumprir a lexislación.
     Hai, ademais, aínda hoxe, sesenta grupos illados de indios que se resisten —ás veces con violencia— ao contacto directo. Sidney Possuelo, director do Departamento de Indios Isolados da Funai di que son unha xente case descoñecida de quen se ten pouca ou ningunha información, a penas que viven da caza, da pesca e da recolección e non teñen relación con outras tribos. Foron recuando durante anos ata chegar a lugares de difícil acceso, resistindo así ao avance da fronteira. Possuelo non defende o seu illamento eterno (a pureza resultaría imposible), e si unha inserción preparada, dándolles tempo á asimilación sen ruptura violenta. Só o risco de exterminio determinaría para el a decisión de establecer o contacto, o "último recurso". Iso foi o que aconteceu o 15 de outubro pasado cando el mesmo contactou por primeira vez cos indios corubas na rexión do val do Javari, preto da fronteira co Perú.
     Os antecedentes non son, polas dificultades extremas, demasiado alentadores. En 1973 o territorio dos indios crenacores resultou cortado pola estrada BR-163 Cuiabá-Santarem e entraron de súpeto no noso século vinte, emocionando a medio mundo cos seus amizosos abrazos de aproximación. Eses indios, chamados xigantes pola elevada estatura —máis de dous metros— de moitos deles, e que fuxiran durante douscentos anos dos brancos, eran seiscentos. Moitos morreron despois do primeiro contacto polo que foron trasladalos en avión ao refuxio do Parque Indíxena do Xingu. Hoxe quedan pouco máis de douscentos. Pero nunca se afixeron a esas planicies e o ano pasado decidiron regresar ás súas terras, das que reclaman agora á Xustiza a propiedade.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega