Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Claudia Campos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil050.html




Claudia Campos


     En Baiona preparan xa, como todos os anos, diversos actos para a commemoración da chegada o 1 de marzo de 1493 da carabela La Pinta a ese porto que tivo o privilexio de ser o primeiro do vello mundo en saber da existencia doutras terras alén do océano. Difícilmente se poderá superar o nivel dunha das representacións teatrais, espectáculo de rúa, do ano pasado na que dous vellos vestidos con traxes da época presentaban eufóricos exóticos productos —patacas, tabaco— do novo mundo, mentres carrexaban un cestón...
     ¿Que haberá nel?, dicían, ¿unha fera? ¿Abrímolo ou non? preguntaban en alto. E os nenos pediron que si, que o abrisen. E saíu unha india. E saíu cantando, cantando cancións indíxenas de Caetano Veloso. E falando unha lingua que resultaba moi familiar. E o público, engaiolado pola súa beleza e presencia, foi detrás dela ata as portas mesmas do Concello.
     Quen con tanto encanto e humor facía de india era a brasileira Claudia Campos —herdanza indíxena nos seus ollos negros e pequenos—, unha actriz dos pés á cabeza, que en realidade desembarcara anos atrás por primeira vez en Europa cando se presentou cunha compañía de São Paulo ao Festival Internacional de Teatro de Porto, onde contactou co grupo compostelán "Chévere". Despois desa breve estancia e con toda a súa riquísima experiencia anterior en Brasil —en teatro, cine e televisión—, decidiu emprender a súa aventura europea en Santiago.
     Mineira nacida no barrio da Sagrada Familia de Belo Horizonte, o seu talento brilla coma o ouro e os diamantes de Minas e aproveita sempre con creatividade o que en Galicia hai de raíz da súa lingua. "Vivo o tempo enteiro facendo descubertas lingüisticas", comenta, "aínda que iso para min supón ao mesmo tempo un pracer e un martirio". No seu fermosísimo espectáculo Sambando na lama de zapato branco —título que toma de Chico Buarque para retratar ao artista que mantén a súa dignidade a duras penas— imaxinou a historia dunha nordestina que fora unha grande actriz e cantante e vai para Europa como quen foxe da seca do nordeste para emigrar ao sueste de Brasil. E ninguén lle presta atención, aínda que fala máis aberto, como se fai no nordeste (ou en Galicia) para se facer entender mellor. E chega un momento que, dada a precariedade na que se encontra, procura como única forma de supervivencia exercitar os seus músculos para aprender a nadar. Só para algún día poder volver a Brasil a nado.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega