Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Xesto extremo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil005.html




Xesto extremo


     O pasado día quince na chamada Estancia do Cerrito, preto de Itaqui en Río Grande do Sul, xa na fronteira con Arxentina, o facendeiro de setenta e nove anos Manuel Antonio Sarmanho Vargas reuniu os empregados e mailo seu filho na sala da casa, falou algo dunha despedida que ninguén entendeu ben, foi para o cuarto, atrancou a porta e deuse un tiro no peito. O xesto, extremo, repetía outro igual de corenta e dous anos e medio atrás, cando seu pai, o daquela presidente Getulio Vargas, se matou por motivos políticos na súa residencia oficial en Río de Xaneiro.
     A que servía como mansión dun rico facendeiro portugués do café, converteuse hai xusto cen anos na sede do poder executivo e no corazón da República, e así continuou ata que foi transferida a capital federal á Brasilia. O Palacio do Catete é agora o Museu da Republica, e no interior das súas paredes revestidas de granito e mármore rosa e branco, gárdase memoria de moitos dos principais acontecementos políticos do país. Suntuosos salóns —azul, pompeiano, veneciano, mourisco—, teitos con pinturas mitolóxicas, bronces,
lustres, estucos, mobles e ornamentos... todo aquí incita á melancolía; mesmo a avenida de altísimas palmeiras imperiais do xardín, curruncho meu, illa de tranquilidade e recollemento entre o barullo das rúas.
     O Salón Nobre asistiu ao brillo das festas e bailes, das recepcións e solemnidades. O opulento Salón Ministerial acollía o espacio simbólico do poder, onde Vargas tomou posesión por primeira vez da presidencia en 1930 e transformou en quince anos de goberno nacionalista e populista a vella República nun Estado Novo de corte autoritario. O dictador emprendeu desde aquí o proceso de industrialización do país e a súa paternal politica laboral, e foi aquí tamén onde asinou a declaración de guerra contra as potencias do Eixe na Segunda Guerra Mundial. No terceiro andar, á fin da maxestuosa escaleira principal, encóntranse os apousentos nos que Getulio se suicidou, no seu segundo mandato presidencial, conseguido esta vez de maneira democrática nas urnas en 1950. Todo aquí está como aquel 24 de agosto de 1954 en que se oiu o estoupido dun revólver. «Saio da vida para entrar na historia», deixou escrito nunha carta-testamento ao pobo brasileiro que deben coñecer de memoria todos os escolares. Hai uns días, o seu fillo primoxénito anotou nun papel antes de se matar: «non pretendo entrar na historia, simplemente deixala pasar».

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega