Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A cidade Imperial

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil006.html




A Cidade Imperial


     Feliz, trala súa victoria no Congreso, que aprobou finalmente a enmenda constitucional que lle permitirá un novo mandato de catro anos se é capaz de vencer nas próximas eleccións, o presidente Fernando Henrique Cardoso decidiu pasar uns días de descanso en Petrópolis e revivir por segundo ano consecutivo un vello costume imperial e republicano interrompido en 1969: o do veraneo na serra, lonxe da sempre intrigante Brasilia e afastado dabondo dun Río de Xaneiro vertido xa no carnaval e máis pendente nestes días do samba e da praia.
     A cidade imperial levántase a oitocentos trece metros de altitude nun val da Serra da Estrela, no camiño aberto entre a baía e Minas Gerais. O emperador Pedro I, nunha das súas viaxes ao interior do país, descubriu este lugar de ar puro, paisaxes case alpinas e un clima agradable máis propio de Europa; imaxinouno como acougo ideal para a feble saúde da princesa Paula Mariana. Anos despois, o seu fillo Pedro II comprou aquí unha facenda e instaurou así o hábito, herdado pola República, do veraneo serrano, facéndose construir unha elegante casa de campo, palacio que hoxe é Museu Imperial e onde os visitantes reciben co billete da entrada unhas zapatillas de feltro branco para percorrer as salas e cuartos e non raiar as nobres madeiras de xacarandá.
     Como sempre acontece, o actual alcalde de Petrópolis, aproveitou a curta visita do Xefe de Estado como apoio político e financeiro para os proxectos do concello: a creación dunha Garda Forestal para o Parque Nacional que rodea a vila e a revitalización do centro histórico, levantado e organizado de maneira exemplar ao longo dos cursos dos moitos ríos que baixan da montaña. Entre os edificios que se van restaurar sobresaen a catedral de San Pedro de Alcántara, unha igrexa neogótica que serve de mausoleo da familia imperial e parece soñar con ser francesa e medieval, e o Palacio de Cristal, exemplo da arquitectura de ferro do século pasado. Neste elegante invernadoiro facíanse exposicións hortícolas, de flores e festas populares. Con bo criterio a princesa Isabel, sendo rexente, elixiu este palacio, que substitúe os muros de pedra polo transparente vidro, para a cerimonia de entrega das cartas de liberdade de cento tres escravos, anticipo da famosa Lei Aurea asinada o 13 de maio de 1888 na que decretaba a liberdade de todos os escravos do Brasil.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega