Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Os remedios do xeneral

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil051.html




Os remedios do xeneral


     Nestes calurosos días do verán austral a noticia que máis quentou o ambiente político foron as declaracións realizadas o domingo polo xeneral Alberto Cardoso, un dos homes de maior confianza do presidente da República, á periodista Dora Kramer do Jornal do Brasil.
     Segundo afirmou o militar, nalgúns lugares de Brasil existe hoxe un Estado paralelo comandado polo crime organizado dos narcotraficantes. Puxo como exemplo algunhas rexións do nordeste (en Bahía, Ceará e Pernambuco) e o significativo caso de Río, que ilustrou co que acontece no morro de Cantagalo, veciño de Ipanema, onde a rutina ven sendo desde hai dous meses os tiroteos entre traficantes rivais, entre estes e a policia. e o medo e a angustia diarias dos seus moradores.
     O xeneral coida que é agora o momento de tomar plena conciencia da dimensión deste problema e de iniciar unha ofensiva definitiva por parte do goberno federal para frear esta escalada e evitar caer nunha situación máis grave, semellante, por exemplo, á que sofren cidades como Medellín en Colombia.
     "A nosa soberanía esta, de facto, sendo desafiada cando temos as nosas fronteiras fóra de control, non sabemos quen entra, por onde entra e co que entra. O combate contra o crime organizado é un problema de seguridade nacional", declarou e, despois de lembrar o papel que debe asumir a policia neste asunto, preguntou: "¿Por que a Mariña non pode interceptar un barco, a Aeronática un avión e o Exército facer unha aprehensión en terra?... Cando a defensa nacional está en xogo é evidente que as Forzas Armadas deben actuar."
     Con esas palabras Alberto Cardoso parece tamén postularse como candidato máis firme para o futuro Ministerio de Defensa, que se vai implantar aos poucos este ano, seguindo un compromiso electoral do presidente, para substituir e centralizar as catro carteiras actuais (a do Estado Maior xunto coas tres armas).
     Alberto Cardoso, un paulista de cincuenta e sete anos e brillante carreira, non deixa de ser un militar polémico e algo atípico: interlocutor asiduo dos deputados da oposición, considera lexítima e xusta a loita do movemento dos Sem Terra e pertinente a colaboración das organizacións non gubernamentais coa Axencia Brasileira de Intelixencia (Abin), organizada por el para substituir os vellos servicios de espionaxe herdados da dictadura.
     Máis curiosas aínda son a súas conviccións relixiosas e o seu traballo nun centro espiritista dunha das cidade satélite de Brasilia, onde atende con frecuencia e "sen facer cirurxia, a sangue frío" a persoas que buscan axuda. Hai pouco nunha viaxe no avión presidencial librou a muller dun embaixador dunha forte cefalea apertándolle a cabeza coas mans e rezando unha oración en voz baixa. A cura, ao parecer, foi inmediata.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega