Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Orfeo Negro

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil052.html




Orfeo Negro


     A vinte días do carnaval as escolas de samba de Río continúan cos ensaios nos seus barracóns e ultiman os preparativos para a presentación das súas ricas e orixinais fantasías. A "Unidos de Viradouro", escola tradicional da cidade de Niteroi —na outra beira da baía— e campiona o ano pasado co seu delirante "Bing-Bang, a explosión do universo", anunciou que está buscando un "home negro, bonito e que saiba sambar ben" para personificar un dos tres Orfeos cos que vai contar o seu desfile.
     A idea de se inspirar na mitoloxía grega xurdiu do famoso artista carnavalesco Joãsinho Trinta, que sempre soñou con retomar a apaixonante e tráxica historia de amor entre Orfeo e Eurídice desde que en 1959 viu a película Orfeo Negro do francés Marcel Camus, baseada nunha peza teatral de Vinicius de Moraes que levou ese ano a Palma de Ouro de Cannes e o Oscar ao mellor filme estranxeiro. Precedida dunha fama inmerecida, decepcionoume moito cando a vin —xa hai tempo—, pois non deixa de ser un folclórico e superficial documental sobre a vida nas favelas, onde vivía Orfeo, e o carnaval carioca; non está, nin moito menos, á altura do texto de Vinicius nin, por suposto, da marabilhosa música composta especialmente por Tom Jobim e Luis Bonfa.
     Este ano abrirá, pois, o desfile dos máis de tres mil compoñentes da escola de Viradouro unha carroza alegórica levando ao Orfeo finalmente seleccionado sobre unha favela montada como un Olimpo. Xa están confirmados os outros dous que farán tamén o personaxe mitolóxico e representarán o seu talento musical; o vocalista Tom Garrido e o mestre Jorjão, sambista desde os seis anos —ten corenta e dous— e un grande innovador que xa conquistou ao público o ano pasado cando introduciu o funk no ritmo da fabulosa orquestra de percusión de trescentos membros que dirixe. Este ano insistirá no mesmo e, adiantou, fará tamén unha homenaxe á "cuíca", un instrumento tradicional de percusión, de orixe africana e son áspero e algo cavernoso, inxustamente esquecido nos últimos anos.
     Ademais, o cineasta Cacá Diegues, o de Tieta do Agreste, aproveitará o desfile da escola para filmar imaxes —fermosa metalinguaxe— dunha nova versión actualizada da famosa película. Nela, Tom Garrido interpretará o papel do compositor dunha ficticia "Unidos da Carioca" e a música será gravada por Caetano Veloso —a súa muller Paula Lavigne é a productora— en fértil colaboración con Jorjão. Pero a preocupación do mestre non vén pola música, senón por saber que no desfile morrerá atacado polas bacantes, furiosas polo desprezo que aos seus requirimentos amorosos lles fai, segundo conta a lenda, un Orfeo desconsolado por perder por dúas veces a súa amada Eurídice. O seu corpo será brutalmente desfeito en anacos polas vingativas ménades, entre elas a súa propia esposa. "Non me gusta esa historia de ser despezado pola miña muller", declarou divertido, "¿será que iso significa algunha cousa?
"

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega