Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Pesadelos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil053.html




Pesadelos


     A semana pasada o forte vendaval que se desatou na zona norte de São Paulo levantou o tellado de zinc da casa dunha modestísima familia de emigrantes nordestinos e, zoando, levou consigo un bebé que durmía deitado nunha rede amarrada á trabe do cuarto dos seus pais. Regiane de Souza, de vinteún días e case catro quilos de peso, saíu "catapultada", voou uns vinte metros e caeu desde unha altura de cinco. Felizmente non se lle detectaron lesións no seu corpo e puido recibir a alta hospitalaria e regresar á casa no colo da súa nai. Para a familia o acidente non deixou de ser un horrible pesadelo, pero pode contalo.
     Irrecuperables son, pola contra, os setenta e dous bebés mortos no que levamos de ano nas catro maternidades municipais de Río —dous por día só no mes pasado—, un drama sen precedentes que causou vergoña e provocou un grande escándalo político con mutuas acusacións de incompetencia entre as autoridades municipais, estatais e federais. A traxedia obrigou a eses hospitais a unha inspección das súas Unidades de Terapia Intensiva (UTIs) neonatais, onde tiveron lugar as mortes e onde son tratadas as mulleres con partos de alto risco e os nenos prematuros.
     A investigacion incoada polo Ministerio Público revelou unha falta de infraestructura e algunhas irregularidades e neglixencias. As maternidades reciben moitas máis xestantes das que poden atender, chegando a ter que compartiren a miúdo o mesmo leito. Ademais, os equipamentos e o persoal sanitario —médicos, enfermeiros e auxiliares— resultan claramente insuficientes, amosando estes ás veces unha escandalosa falta de hixiene (xiringas e luvas reutilizadas sen esterilizar, ausencia de analises microbiolóxicas no banco de leite materno), que se engade a outros problemas detectados como a aparición de sangue no chan, preto das incubadoras, insectos nas paredes e lixo sen tapar nos corredores.
     Para o Ministro de Saúde, o cardiólogo Carlos Aburquerque, o sistema é unha anarquía. Pero non só no Río. En todo o país. En São Paulo, por exemplo, os problemas veñen do lixo acumulado na maioría dos hospitais despois da avaría da única incineradora que o trataba e que xa estaba sendo utilizada na súa máxima capacidade. Máis de quince toneladas de residuos moi tóxicos e perigosos foron vertidos sen xeito no exterior, o que supón un risco inmenso de contaminación, sobre todo pola calor e as chuvias do verán.
     As autoridades están moi alarmadas. Para todos aínda está presente o arrepiante caso acontecido en abril de hai catro anos, cando se descubriu que algúns indixentes comeran carne humana —unha mama amputada pasada, volta e volta, pola tixola—, procedente dos restos do hospital de Olinda en Pernambuco.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega