Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Santos Dumont

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil054.html




Santos Dumont


     A tristeza e a indignación apoderáronse do ánimo dos cariocas vendo, impotentes, como un incendio engulía practicamente o aeroporto Santos Dumont na madrugada do venres. De noite, o edificio parecía unha gaiola en chamas. Coas luces do día a columna de fume aínda subía luctuosa, coma se dun pintura de batallas se tratase. Cos bombeiros vixiando aínda o rescaldo, escoitaronse as primeiras voces críticas que atribuían a gravidade do desastre á displicencia das autoridades competentes.
     O aeroporto lambido polas chamas foi o primeiro civil e moderno do país. Patrimonio arquitectónico e afectivo da cidade, debruzado sobre un aterro da baía de Guanabara, no que se fixera a Exposición do Centenario da Independencia en 1922 e onde anteriormente se erguía o morro do Castelo. Segundo o cineasta Godard o aeroporto era "o máis bonito do mundo", pola súa privilexiada localización, que lles permitía aos usuarios, a maioría empresarios e políticos da ponte aérea Río-São Paulo da que era verdadeira antesala, desembarcaren no mesmo corazón da cidade, desafiando diariamente a súa curta e difícil pista.
     Proxectado nos anos trinta polos irmans Marcelo e Milton Roberto destacaba, sobre todo, pola súa escala humana e a funcionalidade da planta, cun amplo e lonxitidinal vestíbulo, un espacio leve e elegante coma a súa equilibrada fachada levantada sobre pilotes. Agora vaise reconstruir respetando o orixinal e adaptándoo, no que faga falla, aos novos tempos.
     Non pareceu moi adecuado, cando aínda era unha pista provisoria, o primeiro nome de Aeroporto do Calabouço, pola antiga masmorra onde se torturaban escravos que alí existía, e pasou a ser en 1936 por decreto do presidente Getulio Vargas «Santos Dumont», en memoria e homenaxe ao grande pioneiro brasileiro da aviación, inventor do aeroplano, que acabara a súa vida catro anos antes cun suicidio cometido, segundo deixou escrito, polo uso militar que se lle dera á súa máquina.
     Descendente de familia francesa, Alberto Santos Dumont naceu no interior de Minas Gerais nunha inmensa facenda de café da que seus pais eran propietarios. Apaixonado polos libros de Xulio Verne, moi populares tamén aquí no Brasil, foi contemplando o ceo nas longas e soleadas tardes da plantación familiar, cando soñou por vez primeira con voar. A gloria do primeiro voo en avión chegoulle en Paris en outubro de 1906. Cando volveu a Brasil en 1916 foi recibido como un heroe.
     Moitos dos que estes días queren atribuir o incendio do aeroporto só á fatalidade de ser venres e 13 lembran o supersticioso que era Santos Dumont, que tiña un refuxio de verán, de estilo alpino, en Petrópolis, chamado a "Casa Encantada", polas excentricidades que amosaba, entre elas, por exemplo, que todas as súas escadas estaban construídas de tal xeito que só se podían comezar a subir co pé dereito.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega