Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Central do Brasil

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil055.html




Central do Brasil


     O Oso de Ouro do Festival Internacional de Cine de Berlin para a película Central do Brasil e o de Prata á mellor actriz para a súa protagonista, a venerable e fantástica dama do teatro brasileiro Fernanda Montenegro —de avós galegos, por certo—, conseguiron romper este ano co pernicioso costume dos medios de comunicación de todo o mundo de se referiren estes días a Brasil cos consabidos tópicos e as gastadas imaxes do carnaval carioca.
     O filme, moi ben recibido polo público na súa estrea, constitúe a terceira longametraxe dirixida por Walter Salles, cineasta de 41 anos, despois de A grande arte e a coproducción lusobrasileira Terra estranxeira (con Daniela Thomas). O éxito en Berlín veu precedido polos grandes eloxios recollidos no mes de xaneiro en Utah, no Sundance Festival, o encontro internacional fundado en 1981 por Robert Redford para promover o cine independente, aínda que nos últimos anos funcione, malgré lui, de escaparate ideal para os cazatalentos das grandes productoras de Hollywood.
     A película conta a historia de Dora (Fernanda Montenegro), unha profesora xubilada, soa e endurecida pola pobreza, que sobrevive coa súa infame pensión e coa estafa cotiá de escribir cartas, que despois non envía pero cobra, aos analfabetos da Estación Central de trens de Río, un lugar perigoso —seino por experiencia— e fermosamente caótico. Certo día unha das súas clientes morre atropelada fronte á Central, deixando orfo e desamparado a Josué (Vinicius Oliveira), un neno de nove anos ao que Dora decide finalmente axudar e afastar das mafias que o queren comprar. Xuntos suben a un autobus na procura do pai do pequeno, que, ao parecer, vive en Bom Jesús, unha cidade encravada en Pernambuco, lonxe, no nordeste.
     E a estrada sempre obriga. A película non deixa de ser, como todo road-movie, unha aventura, unha viaxe iniciática, contracorrente do fluxo migratorio por lugares descoñecidos e áridos do interior do país, que vai facer que se aproximen dúas persoas tan dispares (como en Alicia nas cidades de Wim Wenders), que teñan sentido as súas vidas e que se vaia revelando "outra" realidade social, a dos excluídos, dentro da tradición -moi neorrealista- iniciada polo Cinema Novo, do que o seu director se sente herdeiro. (En Terra estrangeira, do 95, os dous personaxes, Alexandra e Paco, un fillo de emigrantes españois que vive en São Paulo, teñen que deixar o país para buscar as súas orixes en Europa).
     O estilo de Walter Salles é seco e lírico sen caer nunca no sentimentalismo. Nace da súa rica experiencia como documentalista e do desafío de facer protagonista a unha parella formada pola mellor actriz de Brasil, con cincuenta anos de brillante carreira detrás, e un neno de dez, orfo de pai, que acababa de abandonar a escola e que recrutou no recen incendiado aeroporto Santos Dumont, onde se gañaba a vida como limpabotas, coa condición de que voltase aos estudios despois de rodar o filme.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega