Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Unha aventura do Zico

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil056.html




Unha aventura do Zico


     "Estou con Zico e feliz", titulaba o seleccionador Mario Lobo Zagallo a súa columna dominical no Jornal de Brasil, toda unha declaración coa que tentaba poñer fin ás especulacións xurdidas nos últimos días trala decisión do presidente da Confederación Brasileira de Fútbol, Ricardo Teixeira, de nomear coordinador técnico da selección ao ex-xogador Artur Antunes Coimbra, "Zico", por mor do que aquí se considerou un vexame: os pobres resultados obtidos polo equipo nacional na súa recente participación na Copa de Ouro.
     Na procura do tan ansiado quinto título mundial para Brasil, Zico compartirá con Zagallo o mando da selección na preparación e disputa da próxima Copa de Francia. As dúbidas veñen das posibles diverxencias entre eles polas competencias e funcións a desempeñar. Semella foi recrutado para levantar a moral e terá poderes decisorios. Supervisará a preparación física e técnica dos xogadores e non renunciará, ao parecer, a dar ideas sobre esquemas tácticos, aínda que, segundo declarou moi diplomático, a última palabra será sempre a de Zagallo.
     A elección de Zico agradou en xeral. E un home de consenso e con prestixio internacional, un mito vivo e, sobre todo, unha referencia xeracional para todos os actuais xogadores da selección. Conseguir a Copa este ano sería unha forma de correxir a inxustiza de non ter gañado ningún título mundial coa canarinha quen, despois de Pelé, é un dos grandes xogadores e artilleiros brasileiros de todos os tempos.
     Naceu no suburbio de Quintino, no Río, e foi con catorce anos para o Flamengo sendo aínda un neno moi fraco, o Arturzico, polo que, coa orientación do preparador físico José Roberto Francalacci, traballou arreo para adquirir peso, centímetros e musculatura, un corpo atlético que logrou con perseverancia en catro anos.
     Foi precisamente Zagallo, daquela técnico dos rubronegros quen en 1972 o puxo na punta direita do primeiro equipo. Dous anos máis tarde levaba xa o 10 na súa camisola. No Flamengo todo era gloria, goles e xogadas inesquecibles. Convertiuse no maior ídolo da afección, na época dourada —entre os anos 78 e 82— de todo un equipazo, pero non tivo sorte coa selección. Nin no 78 en Arxentina, nin no 82 en España, eliminada Brasil por Italia, nin, xa no 86, en México, cando o levou Tele Santana. No memorable partido contra Francia, errou o lanzamento dun penalti.
     Fóra dos campos amosou tamén o seu talento como empresario en moitas actividades. O ano pasado publicou unha biografía. E agora, pouco antes da Copa do Mundo, estreará en Francia a pelicula Unha aventura do Zico, dirixida por Antonio Carlos Fontoura, na que é o actor protagonista. Nela unha televisión organiza un concurso para seleccionar nenos que queiran aprender fútbol con Zico, nunha escola como a que fundou hai anos, pero o fillo dun millonario non é elixido e seu pai decide pedir a un científico que clone ao futbolista...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega