Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Dengue

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil057.html




Dengue


     Era o meu primeiro día en Río. Aquela tarde un equipo da Fundación Nacional de Saúde pasou fumigando, pulverizando insecticida pola Barra da Tijuca, mentres a xente abría completamente portas e xanelas. Unha semana despois, en Goiania, lembreime das miúdas pingas químicas do Temephós cando, xa deitado na cama, escoiteino zumbar. Erguinme de súpeto e enchoupeime todo co noxento repelente que levaba na maleta, sen saber daquela que o bicho só ataca de día e non á noite como a maioría dos mosquitos.
     O Aedes aegypti é o transmisor do dengue, unha doenza difícil de combater que aumentou cun ritmo acelerado e alarmante nos últimos tempos, despois de crela erradicada. No estado de Río de Xaneiro reapareceu nos anos 1986 e 87 causando unha primeira epidemia dun millón de afectados. Coa picadura o mosquito transmite a enfermidade, unha especie de gripe —de feito tense chamado así tamén en España ao trancazo gripal— que provoca febre alta durante varios días, dores de cabeza, nos ollos e nas articulacións —quebra ossos é outro nome común aquí—, manchas vermellas no corpo e unha fraqueza xeral que só se cura con antitérmicos, bebendo moito líquido e mantendo repouso.
     Unha segunda onda da epidemia chegou en 1990 e 91, e, aínda que benigno, observouse a aparición dalgúns casos de dengue hemorráxico, máis grave, que só poden contraer as persoas que son contaminadas por segunda vez. Presenta os mesmos síntomas, máis agudos, e hemorraxias que poden levar á morte.
     Agora o dengue está de volta con moita forza en todo o país (son xa 1384 os municipios con casos notificados oficialmente), en especial nos estados do sueste, que son os máis poboados. Nos dous meses e medio
que levamos de ano aumentou a incidencia nesa rexión nun 469% con respecto ao mesmo período do 97, seguramente debido á moita calor deste verán e ás copiosas chuvias caídas. As autoridades sanitarias están a reaccionar cunha campaña de instrucción e prevención nos medios de comunicación. "Não dê água para o mosquito", insiste a propaganda oficial, advertindo que o mosquito sempre procura augas paradas para criar. Calquera pociña lle serve, polo que hai que evitar ter nas casas, onde adoita vivir, calquera cousa con auga acumulada (bañeiras, depósitos, pratos de macetas, neumáticos abandonados, etc.).
     O Aedes aegypti é curiosamente o mesmo mosquito que transmite a febre amarela, unha das enfermidades que máis castigou no pasado as cidades brasileiras. ¿Pode resucitar? Por poder, pode, pois temos o mosquito e só falta o virus, que se encontra xeralmente nas selvas. Se alguén vai á Amazonia, por exemplo, e se contamina co virus, cando veña de volta podería ser picado polo Aedes aegypti que pasaría a transmitir así a febre amarela á outras persoas...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega