Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Tristes trópicos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil058.html




Tristes trópicos


     Desesperado e, como dicía na carta, "movido por un temor que non coñecía", o gobernador de Roraima, Neúdo Ribeiro Campos, que xa declarara o estado de calamidade pública o día 22 de xaneiro, pediulle a semana pasada socorro ao presidente Fernando Henrique Cardoso para combater o xigantesco e descontrolado incendio que aínda castiga esa rexión amazónica. Para chamar a atención, non tivo reparos o home en esaxerar os números da devastación, o que levou a informacións contradictorias, mesmo á confusión, pero conseguiu atraer á opinión pública internacional, que por veces semella ser máis sensible á situación da maior e máis rica selva tropical do planeta que os propios medios de comunicación brasileiros, máis resignados quizais ou incomprensiblemente indiferentes, algo receosos tamén, desa especie de vixilancia mundial que podería afectar de maneira negativa á imaxe do seu país no exterior.
     A verdade é que, ao parecer, os estragos son menores do que se tiña dito nun principio, dentro da gravidade que supón que se queime un territorio duns seis mil quilómetros cadrados de superficie (non trinta e seis mil como se divulgou), aínda que afecte, sobre todo, á vexetación de sabana e cultivos, e non tanto á selva densa, dun estado do norte, Roraima, "a nai dos ventos", fronteirizo coa República de Guiana e con Venezuela, país que xunto con Arxentina, está a prestar axuda na loita contra o lume.
     O incendio agravouse polas condicións favorables de propagación, pois a seca que está a padecer a rexión é excepcional, atribuída ao fenómeno climático de "El Niño". Leva moito tempo sen chover e os ríos teñen pouca auga, pero o que si é seguro é que o incendio foi provocado pola acción humana, por algunha das rozas coas que colonos e aventureiros, chegados moitos deles como emigrantes "sen terra" dos pobres estados do nordeste, fertilizan os campos.
     Á cinza deixada no seu avance pola agricultura engádense as pegadas do cada vez máis numeroso gando que precisa de pastos para —ese é o soño dos facendeiros— transformar a rexión nunha área de exportación de carne, e tamén as toradas, rastro das voraces motoserras das empresas madeireiras, moitas delas asiáticas. Non son menores os estragos causados pola minería, a actividade depredadora dos garimpeiros que quizais está no fondo na orixe do incendio actual.
     Todo forma parte da lóxica que preside o implacable proceso de expansión das fronteiras internas do país. Non só a natureza sofre este impacto. Tamén as poboacións indíxenas, como os ianomami, que despois de defenderse nos últimos anos da cobiza e da violencia dos garimpeiros, ven agora, impotentes, como a súa reserva do estado de Roraima resulta invadida polas chamas, facendo aínda máis presente o verso de Juscelino Vieira Mendes: "Percorro o meu interior e me vejo nu como un ianomami...").

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega