Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O Aleijadinho

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil059.html




O Aleijadinho


     Hai poucos días procedeuse á exhumación dos restos mortais de Antonio Francisco Lisboa, o Aleijadinho, o maior mestre da escultura brasileira, depositados en 1814 baixo o sollado da igrexa de Nosa Señora da Conceição de Ouro Preto, ao pé do altar da Virxe da Boa Morte. Fragmentos dos seus ósos foron levados á Universidade Federal de Minas Gerais, en Belo Horizonte, co obxecto de seren examinados polo dermatólogo Geraldo Barroso de Carvalho, que está a escribir un libro sobre a misteriosa enfermidade que contraeu o artista e que marcou tan dramaticamente a súa vida.
     O Aleijadinho era fillo natural dun arquitecto portugués de certo prestixio, Manuel Francisco Lisboa, e unha escrava negra de súa propiedade chamada Isabel. Naceu en 1738 na vella Vila Rica, desde 1823 Ouro Preto, a cidade de Minas Gerais que coa descuberta do ouro e a conseguinte febre desatada abriu o camiño á colonización portuguesa do interior do continente.
     Pouco se sabe da vida do artista. Aprendeu a ler e escribir, debuxo e arquitectura co seu pai, con quen colaborou nas obras que lle encargaban nunha época en que en xeral o traballo manual era desprezado pola poboación branca. Tivo a oportunidade de desenvolver o seu talento como entallador de retablos, no deseño de decoracion arquitectónica e nas esculturas e imaxes das numerosas capelas e igrexas que foron levantadas neses anos de euforia económica: unha arquitectura exuberante e caprichosa de curvas cóncavas e convexas que espallaba polas vilas mineiras onde traballou —Mariana, Sabará, São José del Rei, Catas Altas...— as novas modas europeas do barroco e do rococó.
Os primeiros síntomas da enfermidade apareceron en 1777, cando contaba con case corenta anos e unha grande fama. Atacoulle aos membros do seu corpo e co tempo chegou a perder todos os dedos dos pés e algúns das mans. Padeceu un calvario. Pero a mutilación —de aí o alcume de aleijadinho ou mutiladiño— non abalou as súas forzas e, con coraxe, facía que o transportasen os seus escravos e lle fixasen nos antebrazos o martelo e o cincel. Así foi como conseguiu rematar as figuras en cedro dos Pasos da Paixón e os famosos Profetas en pedra do adro da Santuario do Bom Jesús de Matozinhos na modesta Congolhas do Campo, patrimonio universal que lembra ao monumento homónimo de Braga.
     Nunha primeira analise dos ósos recentemente exhumados detectaronse indicios de lepra, algo que xa se sospeitaba, pero hai, ademais, sinais de que padeceu porfiria, unha rara doenza que se ten asociado ás veces —non é este o caso— co vampirismo e provoca bochas e dolorosas feridas na pel coa exposición ao sol. Iso explicaría que o que se conta del, que evitaba a luz do día, sempre cuberto con moita roupa, e que traballaba só de noite, así como o seu humor colérico e comportamento estraño, consciente da desagradable impresión que causaba a visión do seu corpo, que non das súas fermosas obras.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega