Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Catro días de setembro

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil060.html




Catro días de setembro


     Saín do cine decepcionado da película de Bruno Barreto —agora nas pantallas en España— titulada Catro días de setembro (aquí en Brasil ¿O que isso companheiro?), que competiu sen éxito polo Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa. Baseada no libro autobiográfico de Fernando Gabeira, hoxe en día o único deputado federal polo Partido Verde, conta a historia do secuestro, en plena dictadura militar, do embaixador norteamericano no Brasil, Charles Elbrick, en setembro de 1969, unha acción protagonizada por un comando de militantes do MR-8 (Movemento Revolucionario 8 de outubro) e da A.L.N. (Acción Libertadora Nacional).
     Barreto, que vive en Estados Unidos, ten corenta e tres anos acabados de cumprir e unha ducia de longametraxes na súa carreira, quixo facer un ambicioso filme de xénero e saíulle un cine político que resulta insulso, previsible e, co temeroso afán de agradar e non querer caer no maniqueísmo,
"politicamente correcto". Non é estraño que recibira a acusación de ex-guerrilleiros de presentar unha trama falsa que non se axusta aos feitos reais e sobrevalora o papel exercido por Fernando Gabeira. O argumento requería outro ritmo e maior tensión (da que en xeral carece, aínda que se salvan algúns momentos de emoción gracias á actuación do actor norteamericano Alan Ardin, que fai de embaixador).
     Comparado coa película, a serie de reportaxes que desde o domingo vén lanzando O Globo é pura dinamita. Varios periodistas dese xornal tiveron acceso ao arquivo secreto do xeneral Antonio Bandeira, de oitenta e dous anos, que dirixiu o golpe do 64 no nordeste e que se mantivo ligado durante toda a súa carreira ao Servicio de Información. Escondido nunha escura sala dunha facenda do interior do estado de Paraíba, un baúl prateado gardaba moitos dos segredos deses anos de chumbo. Son relatos persoais, un verdadeiro tesouro histórico que sae agora á luz por vontade do propio militar, que desde que morreu a súa muller perdeu moita memoria e parece non se interesar por nada.
     Co material descoberto pódense esclarecer moitísimos episodios dramáticos e arrepiantes deses anos. Un volume de cen páxinas sobre operacións de caza de guerrilleiros en áreas urbanas, por exemplo, contén probas definitivas das torturas e asasinato do dirixente do Partido Comunista do Brasil, Carlos Danieli, e do lider da A.L.N., Joaquim Cámara Ferreira, "Toledo", que loitara cos republicanos na Guerra Civil española e figura no filme de Barreto como un dos xefes do comando.
     Unha cartilla de instrucción, atopada tamén no baúl do xeneral, aconsellaba aos axentes do sinistro DOI-CODI (Departamento de Operacións Internas-Comando Operativo de Defensa Interna), órgano que centralizou a represión desde 1970, levar, entre outros obxectos, "unhas lentes escuras pintadas de negro —do mesmo tipo que as que os secuestradores lle puñan ao embaixador secuestrado—, axustadas ao rostro para impedir a visión do militante preso, unha corda grosa de dez metros,..."

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega