Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Gazpacho carioca

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil007.html




Gazpacho carioca


     Para soportar mellor estes días infernais de calor do verán austral, José Hugo Celidonio propón no xornal O Globo unha sinxela receita, que moitos cariocas coñecen ben gracias ao filme Mujeres al borde de un ataque de nervios de Almodóvar, de grande éxito aquí, e que non e máis que unha versión do gazpacho, a máis tradicional sopa fría andaluza (común tamén a Estremadura e ao Alentexo portugués), feita nunha licuadora a base de pepino, cebola, tomate, pementa branca, pan, aceite e, se se quere, un dente de allo («só se vostede non vai namorar ou se a namorada pensa tomar tamén o gazpacho», aclara o xornalista).
     No Globo do mesmo día, recóllese casualmente a orixe da difusión no Brasil deste prato nun comentario de Agamenón Mendes Pedreira que leva por título Chico Recarey, xusto ao pé dunha foto de Marlon Brando caracterizado como O Padriño na famosa película de Coppola. Natural da parroquia de Agualada, en Coristanco, nas terras de Bergantiños máis próximas a Santa Comba, de onde proceden uns oitocentos emigrantes galegos que viven na actualidade en Río de Xaneiro, Recarey é nomeado gran figura da semana.
     Criado nunha familia moi humilde e coas poucas letras que lle puido ensinar o veciño párroco de Couso, chegou hai case corenta anos a Brasil sendo hoxe un dos empresarios máis importantes da cidade, propietario de varios restaurantes, hoteis e salas de festa, algunha de tanta sona coma a xigantesca Scala, atracción máxima do turismo máis fácil de axencia. O chamado rei da noite non conseguiu, sen embargo, deixar de se ver envolto a miúdo en turbios asuntos, algúns pendentes aínda de xuízo e que explican o malicioso comentario do xornal: «Este gran home da noite», sinala Agamenón Mendes, «foi o gran responsable da introducción nos restaurantes españois [debería ter dito galegos] en Río de Xaneiro, do gazpacho andaluz, ademais da paella valenciana e do arroz con brócoli, marabilla culinaria que acompaña calquera cousa. Os restaurantes españois foron tamén responsables da introducción dos "flambados" na gastronomía carioca. Cada ano, Chico Recarey insiste en "flambar" o Scala», lembra o xornalista, «para desespero das compañías de seguros».

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega