Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O xardín dentro da máquina

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil061.html




O xardín dentro da máquina


     Non hai quizais mellor forma de expresar a diferencia entre os bosques europeos e suramericanos que coa letra "l", húmida e tropical, que a lingua portuguesa introduciu na foresta. E raras son as cidades no mundo, e ningunha do tamaño do Río, que teñan dentro dos seus límites un bosque tan inmenso e exuberante como a Floresta da Tijuca, nome que procede do macizo que contén, entre outros, o impresionante promontorio do Corcovado que se asoma desde as alturas, Cristo incluído, sobre a voraz máquina urbana.
     Plantado no medio da cidade, o actual Parque Nacional da Tijuca, constitúe un modesto e exemplar experimento realizado a mediados do século pasado. En decembro de 1861 o goberno imperial decidiu crear un órgano para a "conservación, policía e plantación" de árbores nesa área ocupada antigamente pola selva atlántica, devastada a ferro e fogo desde os tempos da colonización. A orixe desta sorprendente novidade foi unha das moitas crises de abastacememento de auga que padecía a capital e o desexo da elite de contar cun lugar nas veciñas montañas para fuxir da ardente calor e da febre amarela (aínda hoxe, de non existir a Floresta da Tijuca, o Río sería, calculan os biólogos, catro ou cinco graos máis quente).
     A protección oficial do Ministerio de Agricultura, que comprou moitas terras aos facendeiros de café, permitiu que renacesen moitas árbores de maneira natural e que o encargado, Manuel Gomes Archer, replantase, cun capataz e unha ducia de escravos, miles de árbores durante os trece anos que dirixiu o proxecto. Non repuxo só especies nativas, senón tamén moitas outras exóticas, entre elas, por certo, o eucalipto, cultivado aquí por primeira vez no Brasil. Logrouse así deter o proceso de deforestación e construiuse unha nova paisaxe, un escenario ameno e pintoresco, que co paso dos anos, foi dotado de grutas, miradoiros —con vistas abraiantes—, fontes, lagos artificiais, pontellas, etc, convértendose nun dos lugares máis apreciados polos cariocas para gozaren do seu lecer.
     Nos últimos tempos a Floresta da Tijuca viuse moi ameazada polo espectacular e desordenado crecemento urbano. E sofre con frecuencia a invasión de familias pobres que se instalan dentro do parque —facendo del tamén un depósito de lixo— cando non de narcotraficantes que se serven da espesura para esconder o seu arsenal ou facer prácticas de tiro (xa foron desmantelados catro campamentos nos últimos catro anos).
     Con todo, a Floresta non parece aínda domesticada por completo e ás veces proporciona algún que outro susto. Como o que levaron a semana pasada as internas, futuras misioneiras, do Instituto Brasileiro de Educación Relixiosa da rúa Uruguai, no barrio veciño da Tijuca, coa presencia dunha gran boa de dous metros que entrou no colexio e que parecía o mesmo demo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega