Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Poder e coñecemento

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil062.html




Poder e coñecemento


     Despois da súa asistencia á IIª Conferencia das Américas en Santiago de Chile, cidade onde pasou a primeira etapa do seu exilio, entre 1964 e 1969, o presidente de Brasil Fernando Henrique Cardoso chega hoxe a España de visita oficial. No seu ánimo pesará, sen dúbida, a dor pola morte do seu amigo, socio e ministro de Comunicacións, Sergio Motta (falecido onte nun hospital de São Paulo dunha grave afección pulmonar), pero tamén, a menos de seis meses das eleccións presidenciais de outubro, a preocupación pola procura dun substituto nuns momentos de descenso de popularidade polo aumento do desemprego e o lóxico desgaste de tres anos e medio de goberno.
     Motta, a grande ausencia para a dura campaña electoral que se aveciña, constituía a peza fundamental na engrenaxe política e económica do Partido Socialdemócrata Brasileiro (PSDB) que axudara a fundar e organizar como secretario xeral, e sempre prestou a Fernando Henrique un xeneroso apoio financieiro: en 1977 e 1982, nas campañas para senador, en 1986 para acceder, o que non foi posible, á alcaldía de São Paulo e, por último, en 1994 cando entrou en corpo e alma na disputa pola presidencia da República.
     Fernando Henrique comezou a súa brillante carreira académica na Facultade de Filosofía da Universidade de São Paulo. Gañou axiña un gran prestixio internacional e foi recoñecido como un dos grandes sociólogos latinoamericanos. Afastado da vida universitaria polo réxime militar, pasou, como dicía, parte do exilio en Chile onde escribiu, xunto con Enzo Faletto, Depedencia e desenvolvemento en America Latina, publicado por primeira vez en 1969, un deses manuais da progresía incluído por Álvaro Vargas Llosa na lista dos dez libros que conmoveron ao "idiota" latinoamericano; e tamén europeo, pois tiveron moito eco as súas teorías na Universidade de Nanterre, un bo megáfono daquela, onde fora convidado para dar clases polo seu amigo o sociólogo Alain Touraine.
     Moito cambiaron o mundo e as ideas deste intelectual en case trinta anos. De defensor da "teoría da dependencia", que daba unha explicación sociolóxica para entender o crónico atraso económico de América Latina, Fernando Henrique chegou a ser ministro de Facenda con Itamar Franco e ideou, nos antípodas da súa anterior concepción da economía, o vixente Plano Real. A súa aplicación proporcionou ata agora unha estabilidade da moeda, o control da inflación e un aumento innegable do nivel de vida da poboación. A receita incluía unha apertura do país ao exterior, a radical privatización de moitos sectores (siderúrxico, telecomunicacións, eléctrico, petroquímico,...) e profundas reformas estructurais aínda por completar, di, nun segundo mandato.
Para xustificar a súa politica posibilista recorre sempre á diferencia sinalada por Max Weber entre a "ética para a acción" e a "ética para a reflexión"; e para entender o seu estado de ánimo, afirma, ademais, que «o poder é exercido con máis felicidade por aqueles que non teñen coñecemento»*.


___________________

*
Un día despois de chorar polo seu amigo, Fernando Henrique Cardoso recibiu, xa en Madrid, un novo e durísimo golpe coa morte de Luís Eduardo Magalhães, o deputado do Partido da Fronte Liberal (PFL), un dos que apoian ao goberno, e o seu verdadeiro líder na Cámara. A reacción do presidente foi inmediata: embarcou para Salvador de Bahía para asistir ao enterro e cancelou o resto da súa acenda oficial (que incluía, por certo, unha visita a Santiago) o que provocou certo malestar diplomático.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega