Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A seca

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil063.html




A seca


     Vou á Biblioteca Nacional e, consultando na hemeroteca El Correo Gallego, o vello e practicamente descoñecido semanario da colonia galega de Río de Xaneiro, detéñome a ler o exemplar do 7 de novembro de 1905, segundo ano desta efémera publicación que defendía os intereses dos galegos na capital brasileira. Resáltase nel o importante labor humanitario que exerceu unha comisión promovida e presidida por Casimiro Santa María, un ilustre comerciante natural da parroquia de San Fiz de Forzáns en Pontecaldelas, co obxecto de recadar entre os españois fondos «en beneficio das víctimas da seca no nordeste do país».
     Ese fenómeno climático non era nada novo na rexión. Xa nos séculos XVI, XVII e XVIII os colonizadores portugueses falaban nas súas crónicas das secas que padecían, cun impacto menor nos primeiros tempos polo reducido número de habitantes, máis grave xa despois, como o que aconteceu no bienio 1778-79. Trala independencia do país, a de maior intensidade, a chamada "seca grande", ocorreu en 1877-79 e causou, calcúlase, máis de medio millón de mortos. Foi cando as autoridades do Imperio decidiron enfrontarse ao problema e adoptaron as primeiras medidas, como a construcción de represas, para combater os seus devastadores efectos.
     Pero o clima non perdoou e provocou novos e sucesivos castigos (anótense os anos de 1903-05, 1908, 1915, 1919, 1930-32, 1942, 1953, 1958, 1970, 1976, 1979-83, 1987-88, 1993...) nesa área coñecida xa como "o polígono da seca" que abrangue os estados nordestinos de Ceará, Río Grande do Norte, Paraíba, Pernambuco, Alagoas e algunhas zonas de Piauí, Bahía e norte de Minas Gerais.
     O pasado venres a Superintendencia de Desenvolvemento do Nordeste (SUDENE), un organismo creado hai corenta anos polo goberno federal para combater a pobreza endémica deses estados, deu a alerta polos danos da seca deste ano, que promete ser a máis grave do século, e que afecta xa a dez millóns de persoas, agora en situación crítica pola ruína dos seus cultivos, a fame e a falta de traballo.
     Esta calamidade pública levou aos dirixentes do Movemento dos Trabalhadores Rurais sem Terra (MST) a ameazar ao goberno, caso de non distribuír urxentemente toneladas de víveres aos máis afectados, con realizar saqueos nos supermercados e almacéns de alimentos, como xa aconteceu o mes pasado no sur de Ceará, cando cincocentas persoas asaltaron e baleiraron os depósitos destinados polo goberno para as merendas dos escolares.
     A iniciativa proposta polos Sem Terra recibiu o inesperado apoio de moitos dos prelados que participan estes días na XXXIV Asemblea Xeral dos Bispos de Brasil. que defenden os saqueos en caso de desesperación das familias e xustifícannos recorrendo á encíclica Gaudium et Spes, herdeira das conclusións do Concilio Vaticano II, e aínda á outras doutrinas máis antigas, como a de San Xoán Crisóstomo, aquel que fora bispo de Antioquía e patriarca de Constantinopla no século cuarto, quen aceptaba tamén a tese de que o famento roube para comer.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega