Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Un excelente negocio

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil064.html




Un excelente negocio


     Ezequiel Nasser, un millonario de corenta e seis anos, sobriño de Edmond e Joseph Safra, actuais descendentes dunha gran dinastía bancaria xudía, fixo a semana pasada o negocio da súa vida, e un dos maiores dos últimos anos no Brasil, coa venda de máis da metade das accións do seu banco ao Banco Bilbao-Vizcaya por catrocentos cincuenta millóns de dólares.
     A carreira de Nasser foi meteórica. Despois de traballar vintesete anos para a familia Safra, en 1990 xuntou nove millóns de dólares, case nada, e con eles decidiu fundar un novo e pequeno banco, o seu, o Excel, que resultou moi lucrativo, cunha traxectoria de crecemento continuado, envolta ás veces en escuras operacións, nunca probadas, si insinuadas, que o relacionaban coa rede de corrupción do goberno Collor. Baseou o Excel a súa rápida expansión na captación entre as camadas populares de novos clientes, aos que conseguiu atraer conquistando a súa simpatía nos medios de comunicación, lanzando productos financeiros irresistibles e innovadores e patrocinando e comprando equipos e xogadores de fútbol.
     En 1995 Nasser sorprendeu ao país cunha oferta de compra do Banco Económico, o máis antigo de América Latina, fundado en 1834 por un grupo de comerciantes de Salvador de Bahía. A institución ocupaba daquela a novena posición dos bancos privados brasileiros, pero foi a primeira en quebrar por non se adaptar ao novo rumbo económico, marcado pola implantación do Plano Real do actual presidente Fernando Henrique Cardoso.
     Malia a descarada axuda facilitada polo goberno, a operación, moi custosa, para engulir o Económico levou a unha lenta e pesada dixestion, quizais polo compromiso político de manter a súa forte presencia nas rexións menos ricas do norte e nordeste e tamén por aparecer buracos imprevistos. Por iso, o balance de 1997 do xa Excel-Económico. presentaba as súas primeiras perdas (de corenta e catro millóns de dólares).
     Co control do Excel-Económico, o Banco Bilbao-Vizcaya entra por fin no Brasil, un país no que tiña desde hai tempo postos os ollos, e vai competir, tamén aquí, co seu maior rival, o Santander, que acaba de comprar o Banco Noroeste e o Banco Geral do Comercio. O goberno federal apludiu o acordo co banco español, porque con el reafírmase na súa estratexia de aumentar a participación do capital estranxeiro para axudar a reestructurar o sistema financieiro do país.
     A compra deixou perplexos aos dirixentes sindicais, "unha traizón", segundo eles, "do astuto Nasser", e teñen medo polo futuro incerto de moitos empregos. Outra das maiores preocupacións da xente é saber como vai afectar esta operación ao patrocinio dos equipos de fútbol, como o América de Minas Gerais, o Vitoria de Bahía e, sobre todo, o Corinthians de São Paulo, un dos máis populares, que remata o seu contrato co banco este ano. ¿Manterán os novos donos os investimentos neste excelente negocio do fútbol, de alta rendibilidade, pero tamén de alto risco?

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega