Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Café do Brasil

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil065.html




Café do Brasil


     Co titulo de O Café no cambio de milenio, celebrouse os días pasados o XII Seminario Internacional de Café de Santos en Guarujá, localidade distante de São Paulo 65 kms e punto turístico da rexión de Santos, o primeiro porto e principal centro de comercio de café de Brasil, o maior productor do mundo.
     A idea que presidía este encontro era a de reunir aos principais técnicos e autoridades nacionais e internacionais na materia e recuperar o espírito de anteriores xuntanzas —a última foi en 1986—, marcadas polo apoio oficial do goberno e deixadas agora, despois da extinción do Instituto Brasileiro do Café polo presidente Collor de Melo, nas mans da iniciativa privada. Outro dos obxectivos que se procuraba era o de traballar máis a imaxe do café brasileiro no exterior, aproveitando a colleita da proxima safra que promete ser unha das mellores dos últimos anos (con este propósito un zepelín anunciará a marca "Café do Brasil" nos ceos de París e doutras cidades francesas durante o Campionato Mundial de Fútbol).
     O Seminario, ademais, quería servir para que o porto de Santos reafirmase a súa hexemonía como o maior e máis extenso de América Latina, a gran porta do comercio internacional para os países do Mercosur. Precisamente a súa orixe está vinculada ao comercio do café co que contribuíu a mellorar as condicións de desenvolvemento industrial da rexión. O porto transcendeu os límites da cidade. Antes del, as áreas dominantes da economía brasileira eran Minas Gerais, Bahía e Río de Xaneiro. São Paulo a penas era nada cando foi inaugurado en 1892. Desde entón non parou de se expandir chegando aos doce quilómetros de peiraos, cheos sempre dunha actividade frenética de carga e descarga de mercadorías, entre elas os millóns de sacas de café procedentes do interior do estado. Como símbolo dese poderío, aproveitáronse as xornadas para anunciar que se reabrirá ao público o felizmente restaurado edificio da Bolsa de Café e Mercadorias, no centro da antiga praza cafeteira da cidade, que se vai converter no Museo dun dos productos que máis condicionou a historia do país.
     Vexo na tele a sede do novo Museo e escoito tamén dicir a un dos conferenciantes do Seminario Internacional que o estilo de vida actual está a provocar novas formas de vender café, que "hai unha forte presión do factor tempo sobre o consumidor" e que a fórmula para atraer á xuventude para o consumo do café e a de "rápido, fresco e divertido" (fast, fresh and fun). E con todo iso digo que, como hai un pouco, me encanta facer unha paradiña nos concorridos postos e bares das rúas do Centro e do Catete e tomar, ás veces ás présas, sempre de pé, un cafeciño quente servido en modestísimas xícaras de peltre e apertadas asas, pousadas sobre pratiños feitos tamén desa aliaxe de zinc, chumbo e estaño na que sitúo, co seu brillo sobado, a alma popular dos cariocas. E é todo un "chute" ese delicioso café negro e amargo, un carburante de efectos realmente fulminantes.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega