Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Por amor

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil067.html




Por amor


     ¿Que final desexa para Laura?:
          a/ morre
          b/ acaba louca nun psiquiátrico
          c/ vive feliz, rexenerada e cun novo amor
          d/ reconquista a Marcello
     Preguntas deste tipo incluía a sondaxe de opinión feita entre os lectores de O Estado de São Paulo ante o esperado desenlace da telenovela Por amor emitida ás oito da tarde pola Rede Globo. Despois de ser seguido con atención e fervor o decorrer da súa historia de cento noventa capítulos, o folletín televisivo conseguiu paralizar o venres pasado a medio Brasil, que por nada do mundo quería perder o final da sinuosa trama ideada polo escritor Manoel Carlos coa colaboración de Leticia Dornelles e que fluíu durante sete longos meses lenta como os meandros dun río na chaira.
     O culebrón converteuse nun dos de maior éxito dos últimos tempos, aínda que, segundo os especialistas, non marcará época por innovar ou revolucionar a linguaxe do xénero, como fixeron antes outros (como Roque Santeiro, Vale tudo, Pecado capital ou Selva de pedra), senón pola altísima participación dos telespectadores, que presionaban nos medios de comunicación, sobre todo na recta final, para tentar trazar ao seu gusto o destino dos personaxes.
     Esta telenovela contén os elementos esenciais que conducen ao éxito: amores non correspondidos, choques entre pais e fillos, maldades, disputas de poder, paixón, celos... e, como vén sendo habitual —cun ton pedagóxico e moralista—, temas de actualidade, como a doazón de órganos, para o que se aproveitou a ocasión da recente aprobación da lei no Parlamento, e polémicos como o alcoholismo, o desemprego, os prexuízos raciais ou a bisexualidade.
     En sete meses nas pantallas as vidas dos personaxes sufriron moitas reviravoltas. As máis destacadas, as que afectaron ás dúas protagonistas sobre as que xira a historia. Por amor visceral á súa filla Eduarda, Helena pón o seu fillo acabado de nacer no lugar do seu neto que nace no mesmo día e no mesmo hospital pero morre rapidamente. Helena fai este xesto extremo porque Eduarda, a raíz do parto, non pode ter máis fillos e non soportaría a perda do bebé.
     No último episodio Eduarda, lendo por casualidade o diario de Helena, descobre o troco dos pequenos (Marcelinho, así se chama o neno, é criado, pois, pola súa propia irmá ). Ao final, o guionista conseguiu con moita habilidade que os espectadores contemplasen a Helena, antes unha mártir, como unha muller insensible capaz de negarlle ao marido a oportunidade de ser pai dun fillo. Segundo Manoel Carlos, a idea xurdiu dunha frase de Balzac: "a abdicacion dunha nai ou é unha cousa monstruosa ou un acto sublime".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega