Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Parque Cretáceo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil068.html




Parque Cretáceo


     Conta Stephen Jay Gould nun dos seus fermosos ensaios sobre historia natural recollidos no seu recente libro Un dinosauro nun palleiro, que a maioría dos dinosauros da película Parque Xurásico eran en realidade do posterior periodo cretáceo —entre 135 e 65 millóns de anos—, en especial o Tyrannosaurus rex, o protagonista que só co reclamo da súa ameazadora silueta conseguía vender calquera tipo de producto nas tendas e poboaba os soños de miles de nenos, como os do meu querido sobriño Pablo.
     Pero para Parque Cretáceo, sen animais vivos, claro (xa saímos do cine), o da Chapada do Araripe, en Brasil, un verdadeiro museo aberto ao ar libre, uns douscentos quilómetros de terra árida nas fronteiras entre os estados nordestinos de Pernambuco, Ceará, Paraíba e Piauí, que alberga a maior concentración de fósiles cretáceos do mundo. Esta bacía do actual sertão, habitada e dominada daquela polos dinosauros, era unha rexión ateigada de lagos de auga doce e salgada, con épocas marcadas por grandes invasións mariñas. O pouco osíxeno do ambiente facilitou que se conservaran ben nas laxes calcarias, os ósos dos animais, as escamas dos peixes, os corpos enteiros dos insectos.
     Hai ben pouco, e despois de dous anos de reforma, reabriu as súas portas o Museu de Paleontoloxía de Santana do Cariri, unha vila a seiscentos quilómetros ao sur de Fortaleza, a capital de Ceará, e nel exhíbese parte do tesouro científico daquela rexión: fósiles de innumerables insectos, das primeiras plantas con flores do planeta, peixes, anfibios, réptiles como o pterosauro —fantástico animal voador e mariño ao mesmo tempo—, unha tartaruga que, ao parecer, é a máis antiga conservada no mundo, e miles de cousas.
     A esperanza das autoridades coa creación deste museo, hai xa dez anos, era a de contribuír á sensibilización da xente na protección deste patrimonio e evitar o imparable comercio ilegal de fósiles para a exportación. Pero esta iniciativa resultou ser contraproducente, pois boa parte da poboación pobre espallada pola zona rural dedícase, aínda sen entender de paleontoloxía, ao contrabando de fósiles e chega a falsificalos con figuras feitas á man de animais —sapos, peixes e tartarugas, sobre todo— e a recompoñer as pezas rotas con ese cemento plástico utilizado polos chapistas nos automóbiles.
     O de Santana de Cariri non é o único museo de Ceará onde poder contemplar a súa riqueza paleontolóxica. Destacan o da cidade de Crato e o da propia capital, Fortaleza, que tamén acaba de ser reformado e que conserva como reliquias, ademais de fósiles, outro tipo de obxectos históricos no seu acervo, como os caxatos, case bíblicos, usados polo cearense Antonio o Conselheiro, o fundador da comunidade dos Canudos, que pregaba, hai cen anos, pola fin do mundo e anunciara nunha das súas profecías que o seco sertão viraría mar, sen saber, aínda que algo debía intuír o home, que xa o fora hai millóns de anos .

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega