Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Agonía dun cadro

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil008.html




Agonía dun cadro


     ¿Escoitaríase?... porque nalgún momento dos últimos trescentos sesenta e cinco días, quizais pola noite cos cálices sen brillo e as caobas caladas da sacristía da catedral compostelá, ou quizais no intre de os cóengos se vestiren para a misa das doce, nalgún instante digo, o lenzo rachou. E agora o cadro parece ser, por desgracia, unha obra do meu admirado Manuel Millares, co marco podrecido da humidade e con aquelas fendas e feridas. Calquera día caerá desfiado coma un triste farrapo. Merecía o tríptico estar, sen embargo, na exposición aberta este mes en Madrid sobre A Pintura simbolista en España, e o seu autor, o pintor e gravador Modesto Brocos Gómez, nun lugar destacado da historia completa e fabulosa dos emigrantes que para Galicia imaxinara Luis Seoane.
     Brocos era veciño da parroquia santiaguesa de San Fiz de Solovio, por nacer e vivir a carón mesmo da igrexa, na casa dos condes de Altamira da que os seus pais eran porteiros. Con a penas dezanove anos embarcou para América, á Arxentina primeiro, ao Brasil despois.
Puido completar máis tarde a súa formación artística en Europa (París, Madrid, Roma e de novo París), pero desesperado polos problemas económicos e a falta de oportunidades, volveu a Río de Xaneiro onde alcanzou por fín o recoñecemento que se lle negaba no seu país, premios, triunfos e o honor de ser profesor da Escola Nacional de Belas Artes. Por iso, cando anunciou na prensa da emigración galega a súa partida para Europa co obxecto de realizar unha obra magna dedicada ao Apóstolo Santiago, entendeuse coma un xesto de orgullo, moi indiano, de querer amosar a súa valía.
     Buscaba a gloria e con ese afán deixou aquí en Río a súa muller e o seu fillo e instalou en 1897 o seu obradoiro en Roma, cidade onde xa estivera dez anos atrás pensionado pola Deputación coruñesa. «Alí demoreime trinta meses traballando no tríptico relixioso que representaba as tradicións de Santiago en Galicia, por min soñado antes de ser pintor. Empreguei o impresionismo nos ceos e na portada dourados. Pintei no centro a Invención da Tumba en estilo simbólico e, aos lados, a Predica e a Chegada do Corpo, en estilo realista....» «Mais fun infeliz!», lamentábase aínda en 1914 da mala acollida que tivera a obra no Salón de París e na Exposición Nacional de Madrid, e, con certa esperanza no futuro, engadía: «actualmente está na catedral de Compostela e o tempo se encargará de pasalo á posteridade»
     (Nota ás autoridades competentes: ¿non hai forma de salvalo? )*.

___________________

* O cadro foi felizmente restaurado. Síntome orgulloso de que algo tivera que ver este artigo. Axudou tamén o labor de don José María Díaz Fernández e na Xunta de Galicia a determinación de José Manuel García Iglesias.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega