Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Lucio Costa

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil070.html




Lucio Costa


A Silvia Longueira, nena na Brasilia nacente

     A cidade naceu, como se sabe, do xesto primario de quen sinala un lugar ou del toma posesión: dous eixos que se cruzan en ángulo recto, ou sexa, o propio sinal da cruz. E despois arquéase un deles, para conter a área urbanizada, e aparece, para uns un paxaro, unha bolboreta ou un avión, coas súas ás abertas, e para outros un arco e unha frecha apuntando á Amazonia por colonizar. É Brasilia, o bosquexo simple e claro de Brasilia, feito cun humilde lapis de cor nunha folla de papel,
xurdido en 1957 da imaxinación do arquitecto e urbanista Lucio Costa, unha das maiores personalidades do Brasil contemporáneo, morto o sábado pasado aos noventa e oito anos de idade.
     O pai de Brasilia naceu na cidade francesa de Toulon, fillo de Joaquín Ribeiro da Costa, enxeñeiro naval, e a amazonense Alina Ferreira. Despois de vivir en Newcastle, París e Montreux, onde fixo os seus primeiros estudios, a familia regresou ao seu país en 1916 e, no Río, o pai matriculou ao fillo no curso de arquitectura da Escola Nacional de Belas Artes. Precisamente, anos despois, en 1930, chegaría a ser o director e encargado polo goberno nacionalista de Getulio Vargas de realizar unha polémica reforma do ensino da vella escola. Foi tamén el quen en 1936 convenceu ao seu adorado Le Corbusier, o apóstolo da nova arquitectura, para que viñese ao Brasil e proxectase o edificio do Ministerio de Educación, canteira e semente da primeira xeración moderna de arquitectos brasileiros.
     Aínda que autor de importantes proxectos e obras, como o Pavillón de Brasil para a Feira Mundial de Nova York, feito en 1939 con Oscar Niemeyer, só saltou á fama cando cos seus sumarios e atrevidos deseños gañou o concurso público do plano piloto para a construcción da nova capital federal. Un soño que viña de lonxe, pois xa en 1823, cando a independencia, o mineiro José Bonifacio de Andrada e Silva propuxera a mudanza da capital para un punto máis central do interior e mesmo suxeriu o futuro e actual nome. En 1892, coa recentemente proclamada República, unha expedición ao deserto planalto central demarcou a área onde sería construída e en 1922 colocouse a primeira pedra.
     Entre 1957 e 1960, ano en que foi inaugurada polo presidente Juscelino Kubitschek, levantouse toda unha cidade como se fose un novo planeta e coa ilusión, falsa, de que se estaba a construír e a materializar unha utopía. Foron anos épicos para os pioneiros chegados de todo o país, entre eles Ramón Longueira, un coruñés de Monelos radicado daquela en Río. Os esqueletos dos edificios recortaban a súa silueta sobre o inmenso ceo daquela chaira que parecía a preamar.
     Monumental, simbólica, burocrática, Brasilia foi proxectada para ter medio millón de habitantes no ano 2000, pero hoxe viven nela case dous millóns de persoas, xurdiron ao seu arredor varias cidades-satélite improvisadas —con máis poboación que a xa histórica trama do plano piloto—, e nas grandes avenidas son diarios os atascos e o estrés, aínda que foron deseñadas para a circulación dos coches, que Lucio Costa consideraba "animais domésticos que formaban parte da familia; e separadas do trânsito dos pedestres para que as crianças brincasen à vontade ao alcance do chamado das mães."

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega