Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Dejean

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil071.html




Dejean


     Non podía ser doutra maneira: o cine chegou ao Brasil en barco ao romper o día 19 de xuño de 1898 cando o italiano Alphonso Segreto, que viña no paquebote Brésil cun aparello espectacular comprado nos Establecementos Pathé de París, filmou a Baía de Guanabara e o peirao do porto de Río. Ata 1903, os Segreto, Alphonso e o seu irmán Paschoal, foron aquí os únicos productores de películas, que exhibían, como unha atracción máis, no seu prestixioso Salón de Novidades da estreita e cosmopolita Rúa do Ouvidor.
     Cóntame o meu amigo Dejean que viñeron despois os anos do imperio de Francisco Serrador (1872-1941), un emigrante español, "mal chegado ao noso país" segundo el, propietario de varios cines en São Paulo, Curitiba e Río, quen inventou un peculiar sistema "sonoro" no que os actores que aparecían na pantalla dobraban as súas propias voces detrás dela. Financiou tamén Serrador algúns documentais, pero comezou a importar moitos filmes estranxeiros, o que levou, nos anos posteriores á Primeira Guerra Mundial á penetración, "como acontece agora", laméntase Dejean, do cine norteamericano.
     Dejean Magno Pellegrin é, ante todo, un home de cine, tamén por ese parecido que lle quero ver eu con Anthony Quinn. Coñecino hai seis anos nunha rúa do Flamengo cando andabamos os dous a remexer nun dos postos de libros, novos e vellos, que hai no noso barrio. Carioca, escéptivo, culto, xovial, "fiel a todas as mulleres" e algo vaidoso, xa fixo de todo e vén de volta de moitas batallas, algunhas perdidas. É tamén unha enciclopedia do cine, non só do brasileiro, onde, entre outras cousas, chegou a facer algún documental (xénero que adora), organizou máis dun festival e fixo ata hai ben pouco crítica na prensa diaria.
     Dejean acaba de xubilarse —é diplomático de carreira— do seu posto de funcionario do Ministerio de Asuntos Exteriores. Farto xa de Brasil, anuncioume onte a súa firme decisión de ir a Europa e vivir en París, cidade na que traballou hai moitos anos e onde coñeceu, entre outros, a Mario Vargas LLosa con quen coincidiu en "Radio Francia Exterior" cando facían as emisións para América Latina.
     Coa súa partida dentro duns meses, o Río e, sobre todo, o Flamengo, xa non será o mesmo. Botarei de menos, seguro, a súa compañía, as animadas conversas sobre fútbol —¡ sempre o Flamengo !— e os seus inmensos coñecementos sobre cine. Gran admirador de Buñuel, de Orson Welles e do bo en xeral, ilustrábame sempre con historias da presencia de españois na cinelandia brasileira. Por el souben da existencia de Ramón García, un documentalista que a principios de século fixo a cobertura dos primeiros contactos cos indios xavantes filmando en vóos rasantes desde un avión; ou do chamado Oscarito, un dos maiores humoristas brasileiros, nacido en Málaga en 1906 e chegado ao Brasil con dous anos de idade. Os seus filmes, máis de corenta, aínda teñen moito éxito e é considerado un clásico, comparable, segundo Dejean, a Harold Lloyd ou Harry Langdon.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega