Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O son de Goiania

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil072.html




O son de Goiania


     No país do samba souben por primeira vez da existencia da música sertaneja hai uns anos polo médico Anuar Auad, un velliño adorable con corazón grande de neno bo, que gozaba moito con aqueles sons e tiña aberta unha prestixiosa clínica dermatolóxica na capital do estado de Goiás. Goiania é unha cidade en xeral tranquila e agradable. Tamén foi planificada, como Brasilia, da que dista douscentos quilómetros, e conseguiu atraer a moita xente dos estados do sur e do sueste, como aconteceu co pai de Anuar, de ascendencia libanesa, un dos pioneiros fundadores da cidade en 1933.
     Pero aquel mes de agosto, cando cheguei, sorprendeume de Goiania o seu ambiente. Unha poderosa flota de anchas camionetas de luxo, coa música a todo volume, percorría as rúas levando rapaces uniformados con camisas de xadrez, sombreiros e pantalóns texanos, e botas e cintos de coiro ou crina de cabalo con enormes fibelas prateadas. Celebrábase unha das primeiras edicións do chamado Cowboy do Asfalto, unha festa, con rodeo incluído, que reunía a miles de vaqueiros procedentes das facendas do interior do estado dispostos a emular aos seus colegas de Nashville ou Dallas (menos mal que Anuar me convidou a xantar nunha espectacular churrasquería e xa non me sentín tan fóra de lugar).
     O pasado día 24 foi enterrado no cemiterio de Goiania cun cortexo de trescentas mil persoas o cantante Leandro, nome artístico de José Luiz Costa, morto aos trinta e seis anos de idade víctima dun cancro raro e fulminante. Xunto co seu irmán Leonardo (Emival), dous anos máis novo, formou un dos dúos máis populares da música sertaneja. As súas baladas country, de letras sinxelas e románticas, foron as primeiras en pular a barreira dos circuítos local e rexional para conquistar os grandes centros urbanos do país.
     Este tipo de música non é nova. Naceu no campo, das guitarras dos traballadores rurais que facían cancións da vida cotiá para se entreter e pasar o tempo. O propio Leandro abandonou aos dezaoito anos a rutina do traballo semiescravo das plantacións de tomate —nos intervalos aprendeu a cantar co seu irmán seguindo a guitarra do pai—, pasou á capital e, coa explosión do xénero no inicio dos noventa, ao resto do país. Segundo os puristas, a introducción no mercado supuxo tamén a perda das súas raíces e a excesiva inspiración na música country e pop norteamericanas.
     O fenómeno é digno de estudio: o adeus ao ídolo foi retransmitido en directo pola televisión e conseguiu superar a audiencia do partidos de fútbol da Copa do Mundo. Vai ter razón o historiador Evaldo Cabral de Melo, o irmán do poeta, quen, intrigado pola popularidade desta música en termos nacionais, falaba nunha recente entrevista para a revista Veja de que unha das cuestións que están a pasar, desapercibidas por sociólogos e historiadores, é a aparición do Brasil do interior —antes só tiña litoral—, que se afirma cada vez máis e que ten valores diferentes, unha mentalidade económica máis aberta e unhas formas quizais máis pobres e vulgares de sensibilidade.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega