Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A bula

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil073.html




A bula


     Adriana Bonfim Gregorio, de vintecinco anos, desempregada e nai dun neno de catro, chegou a vivir unha grave crise matrimonial cando hai tres meses o seu home, vixilante nun edificio de São Paulo, soubo que estaba embarazada e acusouna de non ter tomada "a pílula". Paloma Riberto Trepin, profesora de trinta e cinco anos, desempregada e separada desde hai dous, acaba de vender o seu coche, o aparello de son e outros bens para se enfrontar tamén a un embarazo que, ademais de non desexado, é de risco, xa que espera xemelgos e padece de hipertensión e diabete...
     Un acontecemento inesperado trastocou as súas vidas, pero non foi por falta de información. Son dous dos casos, da ducia coñecida ata agora, de mulleres brasileiras, a maioría do barrio pobre de Mauá na grande São Paulo, que tiveron a desgracia de recorreren como método anticonceptivo aos anovulatorios "Microvlar", os máis usados no Brasil e distribuídos polos laboratorios Shering de São Paulo, unha filial da multinacional farmacéutica alemana que acaba de verse envolta nun escándalo de falsificación de medicamentos. Ao parecer, en varias farmacias do país foron vendidas caixas con anticonceptivos que en realidade non eran máis que pastillas inocuas que contiñan fariña triga.
     Fóra das actuacións xudiciais, a reacción do goberno foi inmediata: mandou retirar das farmacias os lotes de comprimidos fariñentos e actuou con dureza contra a Shering, prohibíndolle vender todos os seus productos mentres non cambie os procedementos actuais de fabricación, ao mesmo tempo que lle abría un expediente para inspeccionar as contas. O lamentable episodio provocou que as cámaras lexislativas aprobasen ás presas unha nova lei pola que a falsificación e adulteración de medicamentos e alimentos serán castigadas desde agora con penas de quince anos de cadea, sen posibilidade de pagar fianza, trinta en caso de morte, contemplándose ademais a indemnizacións dos afectados. É máis que unha sospeita a existencia de organizacións criminosas que operan neste campo e, segundo a Secretaria Nacional de Vixilancia Sanitaria, un 5% do total de medicamentos vendidos teñen a súa fórmula alterada.
     A matriz da empresa Shering en Berlín respondeu á acusación cunha nota oficial na que se considera víctima dunha explotación política e electoralista do escándalo. Segundo a súa versión, as pastillas vendidas eran simples placebos que estaban a utilizar para probar nunha nova máquina de empaquetado e que alguén, por neglixencia, sabotaxe, vinganza ou roubo, desviou ao mercado.
     Para o Ministro de Saúde, José Serra, a Shering debe responder por non controlar a producción e distribución dos seus medicamentos. Coa agravante da reincidencia: hai dous anos un paciente de cancro de próstata morreu despois de inxerir "Androcur" adulterado, fabricado por ese laboratorio. Ademais, preguntámonos co ministro, se os anticonceptivos que se venderon fosen placebos, ¿para que levaban o prospecto, que aquí en Brasil chaman bula?

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega