Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Zagalo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil074.html




Zagalo


     Meu pai foi un bo futbolista que militou, entre outros equipos, no Arenal de Santiago, onde xogaba de centrocampista. Era aí, na media, onde lle gustaba xogar, un pouco por timidez —evitaba así estar moi preto dos espectadores—, pero sobre todo porque para facer un bo fútbol, seino por el, hai que dominar, como no xadrez, outra das súas paixóns hoxe en día, o centro do campo, tocando ben o balón e distribuíndo o xogo. ¡Que decepción e que pena, por iso, contemplar, antonte na final contra Francia, ao equipo de Brasil, aos artistas da bóla, perdidos no campo e correndo, impotentes, detrás da pelota!
     Agora aquí todas as olladas van para Zagalo, considerado por moitos como un usurpador das esencias do fútbol brasileiro de sempre, o que engaiolou tantas veces ao mundo. Como na Copa do 58, en Suecia, cando el mesmo, xunto con Garrincha, Didí, Vavá e un novísimo Pelé de dezasete anos, lles gañaron aos anfitrións por 5 a 2. Ou na Copa do 62, en Chile, cando se despediu Zagalo como xogador da selección, un extremo esquerdo moi voluntarioso, xustiño de talento, que corría e corría polo campo. Toda unha "formiguiña," como lle chamaban daquela.
     O curioso é que Zagalo foi adestrador do marabilloso equipo de México 70 que tamén conquistou o campionato. Claro que era tanto o talento que tiña a selección, ben conducida por Pelé, que non puido enfaixar o seu xogo. A lenda de Zagalo, xa levaba tres Copas, continuou ata a de Alemaña de 1974, onde Brasil se presentou cunha das peores e máis especuladoras seleccións da súa historia, moi criticada polo que supoñía de renuncia ao seu estilo clásico, alegre, que só se recuperou en parte no Mundial de España do 82 e de México do 86 con xogadores como Zico —hoxe compartindo con el a derrota—, Cerezo, Falcão, Sócrates e compañía. En Estados Unidos, en 1994, a canarinha, adestrada por Parreira e con Zagalo de axudante, levou a Copa por penaltis, pero convenceu a poucos.
     Zagalo acaba de declarar que quere continuar no cargo, malia o duro e merecido castigo, pero, por soberbia, non quere recoñecer os seus erros. O primeiro e máis grave, a propia elección dos xogadores participantes, descartando a outros máis valiosos para a defensa (caso de Adilson, Mauro Galvão ou Julio Cesar), a dianteira (Romario, o máis significativo) e, sobre todo, a media, para a que que optou por dous pivotes de contención (Dunga e Cesar Sampaio, que xogan no "competitivo" futbol xaponés) e un Leonardo desprazado da súa posición natural. Sen unha organización clara do equipo, pendente só das xenialidades de Ronaldinho ou Rivaldo, e sen un centro do campo creativo (¡ai Juninho!) para poder construír esa "engenharía do espaço vazio" que é o fútbol, segundo o lema do sindicato de adestradores de Río.
     Ao parecer, mantense para hoxe a recepción prevista polo presidente Fernando Henrique Cardoso á selección. Nas vésperas falábase da posibilidade de aproveitar as imaxes deste encontro oficial na campaña electoral do mes de outubro... Que utilicen as do mellor xogo: as do descanso, cando todas as televisións do mundo botaron o anuncio publicitario de Nike, a outra derrotada por Adidas o domingo. O anuncio da praia, digo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega