Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Fortaleza

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil075.html




Fortaleza


     Quen primeiro me falou das paradisíacas praias de Fortaleza e de todo o extenso litoral de Ceará, no nordeste de Brasil, foi Regis Frota Araújo, xuíz en excedencia e profesor de Dereito Constitucional —cargo que compaxinaba co seu traballo nun banco en Fortaleza— que decidira facer na Facultade de Dereito de Santiago os cursos de doutoramento e unha tese na que comparaba, de acordo coas constitucións, o sistema federal brasileiro co autonómico español.
     Pois ben, un ano máis, segundo os datos publicados o pasado domingo pola asociación brasileira de axencias de viaxe, nesta temporada alta de vacacións o litoral cearense estase a converter de novo no destino máis procurado polos turistas, tanto estranxeiros, moitos europeos, coma do propio país (sobre todo dos estados do sur), que descobren as belezas desas paisaxes nos escenarios das telenovelas da Rede Globo.
     Fortaleza naceu no século XVII da disputa entre portugueses e holandeses pola ocupación do litoral nordestino. En 1649, aproveitándose do aparente desinterese da coroa lusa por esa faixa costeira, o comandante holandés Matías Beck apoderouse do lugar e ergueu nel un forte —o Forte Schoonemborch— para se protexer dos ataques dos indios. Cinco anos durou a base comercial da Casa de Orange. Os portugueses rebautizárona despois co nome de Fortaleza de Nossa Senhora da Assunção, pero só en 1823, coa independencia, adquiriu a categoría de cidade, tendo daquela dous mil habitantes.
     A explotación do filón turístico nos anos noventa supuxo case a puntilla para a agricultura e a gandería, e deulle á capital da chamada, na propaganda, "Terra do Sol", a posibilidade dun crecemento vertixinoso que a converteu na quinta cidade do país con dous millóns de habitantes. Os beneficios económicos conseguiron aliviar as tráxicas consecuencias das secas que sempre padeceu na súa historia e frear un pouco a sistemática emigración da súa poboación; pero a condición de centro de atracción para o mundo enteiro trouxo, pola contra, unha especulación inmobiliaria salvaxe coa construcción en masa e sen orde de bloques de apartamentos e que a súa fisonomía fose inmolada nos altares do máis pernicioso turismo internacional (incluído o que vive da prostitución infantil).
     Cando Regis Frota chegou hai catro anos a Santiago pasou un mes sen a familia. Preso de emoción e coa lucidez que só dan a soidade e a distancia, tivo tempo de escribir a súa vida e facer unha viaxe interior desde a súa infancia de trece irmans fillos dun poderoso facendeiro latifundista do interior de Ceará. E tivo tamén moitas saudades da súa terra. E soños reveladores nos que o lume consumía completamente a facenda do seu pai e carbonizaba a vexetación, xa queimada polo sol, pero sen romper nunca o asfalto que a ligaba coa cidade. E soñou tamén, pero agora xa esperto, con refundar a vella explotación agrícola e gandeira nos terreos que herdara preto da impresionante e mítica praia de Jericoacoara, a 300 kms da capital. (Xa regresou. Non sei se terá a fortaleza de ánimo para conseguir o que pretende. Despois de tres anos de estancia deixou en Santiago un rastro de estrañas actuacións, non carentes de picaresca, e curiosas anécdotas dignas de contar. Pero iso é outra historia)

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega